Ao Calvo Xiria escápaselle o liderato no último suspiro dun vibrante encontro

Non defraudou ás altas expectativas o encontro disputado onte en Carballo entre os dous primeiros clasificados do grupo A de primeira nacional. Co liderado en xogo, os dous equipos, separados tan só por un punto, ofreceron un fantástico espectáculo de balonmán nun Vila De Noia abarrotado de afeccionados de ambos os conxuntos.
O conxunto local saíu á cancha como un auténtico vendaval, responsabilizado na importancia de conseguir unha vitoria ante un rival directo en cancha propia e levantarse ao liderado ante o inminente parón do Nadal.
A alta intensidade na retagarda, en colaboración coa boa actuación na portería, daba as primeiras alegrías aos seareiros do Calvo……Tan só Nelson Espino era capaz de atopar o camiño cara ao gol coa súa efectividade desde máis aló dos nove metros.
O ataque do Xiria funcionaba de maravilla: As permutas dos xogadores, a vertixinosa velocidade do balón e a efectividade nos lanzamentos, facían posible as primeiras rendas dos de Carballo, que para satisfacción do enfervorizado público chegaría ata os cinco goles de diferenza (9-4).
Non se fixo esperar a reacción dos do Rosal, un conxunto cun cadro de persoal de xogadores cun enorme talento e calidade que, apoiados nestes argumentos, achegábanse a dous goles a dez minutos do final.
Estaba a ser un partido vibrante e vistoso, con balonmán de altos quilates, onde o Calvo Xiria era dominador absoluto do xogo e do marcador ante o todopoderoso Acanor Atl. Novás. Afrontábase o último minuto da primeira parte e Manuel penetraba entre dous xogadores rosaleiros para lanzar desde seis metros, sendo obxecto dun claro penalti ante o desprazamento do seu defensor. Os árbitros, que non sinalaron como tal esta acción, permitiron o posterior contraataque e gol do carballés David García Pichel……O primeiro tempo, de poder terminar cun favorable 14-10 a favor do Calvo, faríao cun 13-11 e todo por dilucidar no seguintes trinta minutos.
O segundo acto transcorreu de forma similar no primeiros vinte minutos e o conxunto bergantiñán afrontaba o últimos dez cun marcador favorable de 22-18, pero non había lugar á confianza, dada a entidade do rival e o seu espírito competitivo. O Acanor Atl Novas pechaba filas en defensa e aumentaba, máis se cabe, a intensidade da súa retagarda. Entraban en liza os xogadores menos habituais de ataque e conseguían empatar o partido no últimos cinco minutos (22-22). Foron nestes instantes finais onde un par de erros non forzados e algunha situación desafortunada posibilitaron que os do Rosal se puxesen por diante e aguantasen o último ataque dos de Carballo para quedar cos dous puntos e seguir como líderes.
Con este resultado, os carballeses afrontan o parón do Nadal como terceiros, empatados a puntos con Lalín, que ocupa a segunda posición e a tres puntos do Novás. Queda pois todo por dilucidar no novo ano, cun Calvo Xiria que xa constatou que a recado loitará, un ano máis, cos mellores planteis do campionato para poder disputar unha nova fase de ascenso ao final de tempada.

Calvo Xiria: 24 (13+11). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Andrés Vila, Carlos Vilanova (4), Gabriel Castiñeiras, Julián López, Brais Puñal, Fran Rey, Pablo Iglesias (5), Miguel Suárez-Pumariega, Chimpo (5), Juan Carlos Rodríguez (3), Manuel Méndez (2), Jorge Bouzas (3), Alejandro Calvete (2), Sergio Facal Fariña.

Acanor Atl. Novás: 25 (11+14). Roberto Rodríguez (3), Iago Flores (2), David García (3), Paulo Da Costa, Germán Hermida (5), Cesar Armán, Roberto Calvo, Iago Cuadrado, Miguel Roberto Sio (1), Kevin García, Carlos Rodríguez, Miguel Trigo, Manuel Martínez (5), Yago Alonso (2), Daniel Vicente, Nelson Espino (4).

Parciais cada 5´: 2-1/5-3/8-4/9-6/11-9/13-11/Descanso/14-13/18-14/19-17/22-19/22-22/24-25/Final.

Colexiados: Fernando Iñán e José Manuel García. Non influiron no resultado final.

Incidencias: última xornada da 1ª nacional masculina antes do parón do Nadal celebrada no pavillón Vila De Noia repleto de seareiros de ambos os conxuntos.