Boas sensacións do Calvo Xiria ante o Cangas de Asobal

No día de onte celebráronse as dúas semifinais da Copa Galicia no pavillón de Chapela. Na primeira semifinal (19:00h) enfrontáronse o Teucro (Asobal) e o BM Cisne (DH prata), nun derbi pontevedrés que se resolveu nos últimos instantes a favor do equipo azul. Na segunda (21:00h), o Calvo Xiria afrontaría a gran dificultade de xogar contra un rival de soleira, o BM Cangas, un conxunto que compite na máxima categoría do balonmán español desde hai varias tempadas. O encontro, que se prevía moi desequilibrado en base ás dúas categorías que separan aos adversarios, non o foi tanto, sobre todo durante os primeiros trinta minutos, nos que os de Carballo, con momentos de gran balonmán, mantiveron a proximidade no marcador. O Calvo Xiria anotaba o primeiro tanto cun contraataque en primeira onda de Carlos e un pase medido ás mans e estratosférico de Iago. Era o anuncio de que os bergantiñáns chegaban para competir, para gozar dun escenario privilexiado contra un rival de enxunlla. A potente primeira liña dos do Morrazo facía dano ao 5:1 carballés, a rapidez dos xogadores, o seu maior antropometría e os lanzamentos dende longa distancia, superaban con facilidade a retagarda dos de Xiria, que mantiñan o tipo no 1×1 e no xogo coa liña. Os últimos dez minutos do primeiro acto foron os mellores do Calvo Xiria, nese tempo conseguiron ser superiores ao seu rival e fixérono grazas á riqueza dos movementos de ataque, a rápida circulación do balón e a efectividade dos rápidos lanzamentos desde a primeira liña. O encontro estaba a ser vistoso, dinámico, rápido e o marcador reflectía un axustado 14-12 ao termino do primeiros trinta minutos para sorpresa de moitos. Na continuación, tres lategazos de Potic noutros tantos ataques, deixaba sen alento á agora 6:0 dos carballeses, aumentando ata cinco goles a diferenza para os de Cangas e obrigando ao técnico Fernando Vázquez a pedir tempo morto e volver cambiar a defensa ao 5:1 inicial. A partir de aquí as cousas volveron camiñar por unha senda similar ao que fora o primeiro tempo. O Cangas dominaba con autoridade dende a longa distancia, pero o Calvo Xiria volvía asentar no xogo, a traballar os seus ataques, vivir da mobilidade dos seus xogadores e da velocidade do balón, para así cortar esa saída en tromba do rival e equilibrar de novo o electrónico que agora oscilaba entre os sete e oito tantos de diferenza.  E así transcorreu todo ata o final, con bos minutos e participación importante de todo o cadro de persoal, mesmo dos xuvenís Fran Rey e Andrés Vila, así como do porteiro Antonio Mato que tivo unha actuación destacada no últimos vinte minutos do encontro. Resultado final de 32-24 que deixan moi boas sensacións no xogo do Calvo Xiria a catorce días do comezo da liga regular.

Frigoríficos Do Morrazo BM Cangas: 32 (14+18). Eduardo Salazar, Filip Vujovic (2), Moises Simes (4), Serafín Pousada, Rubén Soliño (3), Suso Soliño (4), David Iglesias (1), Pedro Hermones, Dani Cerqueira (1), David Chapela (6), Adrián Menduiña (2), Alen Muratovic (1), Strahinja Simic (4), Nikola Potic (4), Pablo Castro.

Calvo Xiria: 24 (12+12). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Andrés Vila (1), Alejandro Calvete, Carlos Vilanova (4), Gabriel Castiñeiras, Julián López, Brais Puñal (1), Pablo Iglesias (3), Francisco Rey, Hugo Rodríguez (9), Manuel Méndez, Juan Carlos Rodríguez (6).

Parciais cada 5´: 1-2/5-3/7-6/10-6/13-9/14-12/Descanso/19-12/22-13/24-17/28-20/29-22/32-24/Final.

Colexiados: Angel Mateos e Pablo Torreiro. Correctos e sen problemas.

Incidencias: Segunda semifinal da Copa Galicia celebrada no Municipal de Chapela ante cincocentos seareiros. Bo espectáculo de balonmán o que ofreceron o BM Cangas frigoríficos Do Morrazo e o Calvo Xiria.