Calvo Xiria 27 – Bm Lalín 25

O Calvo Xiria sacou dos puntos do enfrontamento co Bm. Lalín nun encontro que dominou en todo momento e no que os colexiados foron protagonistas.

O panorama non era nin moito menos o idóneo, case sen xogadores dos que poder botar man, Juan Fernández traballou durante a semana procedementos para paliar as baixas e dou resultado. Dende os primeiros compases a superioridade local era evidente, a falta de Fernando no centro da defensa, Alfonso e especialmente Gvazava amosáronse intratables e só o lanzamento exterior de Rubén batía a un minguado Villa que así e todo tivo unha tarde fantástica. Pero xa na primeira metade o colexiado Cifuentes comezou a fastidiar, avisando de xogo pasivo en canto comezaba o ataque dos carballeses. Correcto. Se ese é o seu criterio, adiante, ata aí nada que dicir mais o mellor estaba por chegar.

Retomábase o partido co marcador sinalando 15-8, pero como a diferencia era moita, ós 3 minutos, o gris decidiu nivelar un pouco a cousa e deixou ó Xiria con catro en pista, para darlle emoción que a bancada estaba aburrida. Os homes de Couso aproveitaron o regalo acurtando distancias gracias á superioridade numérica e ó desconcerto local. Unha vez recuperado o norte, tres accións consecutivas de Sergio abriron unha fenda de nove goles que faltando 15 minutos debera ser suficiente. Cando faltaban 10 minutos e os menos habituais estaban para saltar á cancha, o mulá Cifuentes en só 30 segundos obrigou ós de Carballo a quedar con tres xogadores no parqué, recordándolle ó que escribe que foi este o delincuente que cunha actuación semellante ante o Lasalle Maravillas, enviou ó Xiria á Segunda División na tempada 2000/01. Afortunadamente a renda e os acertos que seguiron fixeron que cumprido o tempo o electrónico marcase 27-25.

Para os curiosos sinalar que os locais foron castigados con 8 lanzamentos de 7 metros por 3 os visitantes e os de Bergantiños sufriron 13 exclusións por 2 dos do Deza.

Ci vediamo Sr. Cifuentes.

Aliñacións

– Polo Calvo Xiria: Villa , Marcos ( 4 ), Alfonso ( 1 ), David ( 4 ), Alberto ( 3 ), Gvazava ( 6 ) e Ofi ( 2 ) – equipo inicial – Víctor, Javi ( 2 ), Fernando ( ), Mario ( 2 ), Martín ( ), Álex ( ) e Sergio ( 3 ).

– Polo Bm. Portadeza-Lalín: Durán, Carlos ( ), Granja ( 1 ), Gulías ( 3 ), Budi ( ), Rubén ( 11 ) e Gustavo ( ) – equipo inicial – Pablo, Diego ( ), Pincho ( 2 ), Hermida ( 2 ), Aller ( 2 ) e José ( 4 ).

Marcador cada 5 minutos

3-1 / 5-2 / 7-4 / 8-6 / 11-8 / 15-8 / 16-11 / 18-13 / 23-15 / 24-18 / 25-22 / 27-25