Calvo Xiria 29 – Fadesa Universidad 26

O Calvo Xiria infrinxiulle a primeira derrota da tempada ó Fadesa Universidad por 29-26, en partido pertencente á 19ª Xornada da 1ª División Estatal de Balonmán disputado no Pavillón da Zona Escolar de Carballo perante uns cincocentos afeccionados que vibraron co seu equipo.

Chegaban invictos os coruñeses ó municipal carballés cun balance na liga de dezasete victorias e un empate, sendo o único conxunto de categoría estatal que non coñecía a derrota. Excelente o comezo do partido dos homes de Juan Fernández que, cunha forte defensa conseguía unha renda inicial de dous goles. Ata o minuto 15 o marcador movíase con un gol de marxe para ámbolos conxuntos, e foi nese punto cando os carballeses comezaron a rompe-lo partido, o acerto en ataque que faltou noutras ocasións unido á unha extraordinaria defensa, que só podía romper en contadas ocasións individualidades de Razola, e o acerto de Villa na portería propiciaron que o Xiria se fose ó descanso cunha vantaxe de catro goles no electrónico.

No reinicio as colexiadas canarias deberon pensar que non estaba ben que o líder perdera tan claramente e decidiron botarlle unha man, a defensa carballesa era castigada con continúas exclusións (13 para o Xiria por 5 para o O.AR.), ademais de medir con distinto criterio as accións nunha e outra area. Todo isto, unido ó acerto en ataque de Iago e Razola, propiciou que os homes de Pablo Aguirregabiria se situasen por diante no marcador mediada a segunda metade. Sen embargo os carballeses repuxéronse e coas mesmas armas que exhibiran na primeira metade e a pesar das continúas inferioridades coas que eran castigados conseguiron facerse cos dous puntos.

Aliñacións

– Polo Calvo Xiria: Villa, Marcos ( 5 ), David Silván ( 3 ), Javi Zas ( 1 ), Martín ( 9 ), Gvazava ( 2 ) e Ofi ( 5 ) – equipo inicial – Víctor, Mario ( 3 ), Álex ( 1 ), Sergio, Alberto e Dubra.

– Polo Fadesa Universidad: Abel, Darko ( 3 ), Razola ( 6 ), Iago ( 6 ), Salinas ( 2 ), Nano e Zapatero ( 6 ) – equipo inicial – Óscar Patiño, Ricard ( 2 ), Carlos Blanco ( 1 ), Mateu, Ayllón, Miguel Cillero e Pablo Vales.

Marcador cada 5 minutos

3-1 / 3-4 / 5-6 / 10-6 / 13-9 / 15-11 / 16-14 / 19-17 / 21-21 / 22-22 / 26-24 / 29-26

As colexiadas canarias Sras. Marín Torres e Rodríguez Perera, correctas na primeira metade e desastrosas na segunda perxudicando ó cadro local.