Calvo Xiria busca unha nova vitoria ante @s seus seareir@s

Recibe o Calvo Xiria no Vila de Noia, este sábado ás 18:00, a visita do Luceros. O filial do conxunto de Asobal do Cangas tentará, de seguro, romper a boa racha dos locais baseándose na calidade individual dos seus xogadores. E como non podía ser doutro xeito os carballeses buscarán no seu xogo colectivo a fórmula para superar ao seu rival. A única baixa para este partido será a de  Chimpo, non recuperado totalmente das súas molestias aínda que xa adestra co grupo.

O Calvo Xiria buscará plasmar no xogo un aumento na súa intensidade e concentración para evitar intres de desconexión nos partidos, situación que semella imprescindible para continuar na progresión positiva que leva na táboa clasificatoria. Servirá o encontro tamén para  que tod@s @s seareir@s que  o desexen se poidan facer ca camiseta representativa de Escolas Balonmán Xiria para as vindeiras tempadas.

E para iniciar a tarde de balonmán no Vila de Noia, ás 16:00 os infantís do Garaysa Xiria reciben a visita do Oar Coruña, no derbi provincial da DH. Os dous equipos contan os seus partidos por vitorias, polo que estará en xogo o liderado do grupo. Os carballeses tratarán dar velocidade ao balón aproveitando as combinacións de ataque ante a defensa pechada que presumiblemente exporá o Oar e en defensa seguir na mesma liña de traballo colectivo que os partidos anteriores, para facilitar a subida ao contraataque.

A mañá do sábado trae a primeira xornada para os equipos de 2ª Autonómica en categoría infantil, tanto feminina coma masculina. Será no Pavillón de Novo Mesoiro. Ás 11:45 o infantil masculino, o Marmolería José Rey Xiria e ás 12:45 será a quenda do infantil feminino, o Punta del Este Xiria. Os dous equipos practicamente compostos con xogadores e xogadoras de primeiro ano deberán contrarrestar a falta física con ganas, loita e velocidade en cada balón para amosar o traballo que levan feito nestes meses de pretempada.

Na xornada dominical, tamén no Vila de Noia, o Grupo Lemaco, abrirá a xornada recibindo a partir das 10 da mañá aos coruñeses do Balonmán Artabro, na que será a 5ª xornada de competición. Non pode deixar escapar estes dous puntos o equipo carballés, que recupera para este choque aos irmáns Iago e Mario Rincón. Os axustes defensivos e o acerto cara gol serán primordiais para facer fronte ao rival.

Ás 11:30 o Laber Xiria, afrontará o primeiro derbi da tempada. Os carballeses, que contan os seus partidos por vitorias, terán que empregarse a fondo contra o BM.Artabro da Coruña, un equipo cun cadro de persoal de moita calidade e xogadores xa experimentados en categoría sénior.

Para rematar o Goldie Xiria recibirá ao potente Teucro de Pontevedra co obxectivo de mellorar a imaxe dada a semana pasada en Vigo e mostrar o bo xogo que durante moitos minutos do primeiro acto, púidose ver fai quince días contra o BM.Porriño. O partido dará comezo ás 13:00.