Derrota para un irregular Garaysa

Viaxaba a mañá do domingo o  Garaysa Xiria para xogar o seu segundo partido lonxe de casa, o obxectivo era seguir puntuando.

O inicio de partido foi, e xa é un malo costume, de menos a máis. O  Garaysa entrou ao partido despistado nos labores defensivos e sen ideas no seu ataque  posicional. Con todo, co paso dos minutos soubo solventar, en defensa, os desaxustes que nos xeraban na segunda liña os atacantes do  Octavio. O ataque cada vez era máis móbil e permitía desprazar o balón a boas zonas de lanzamento.  Deste xeito e coa mellora paulatina no xogo chegábase ao descanso con 7-8 para o  Garaysa.

Á volta dos vestiarios o partido seguía marcado pola igualdade, o equipo carballés volvía ter algún que outro erro na marcaxe ás segundas liñas, pero a axuda da portería non permitía que acabasen en gol. Así, o  Garaysa chegaba cunha pequena vantaxe  ao minuto 10 da segunda parte, a partir de aí a imaxe do equipo, sobre todo en facetas defensivas, cambiou radicalmente. Os xogadores vigueses conseguían conectar pases á liña de 6 metros con facilidade, tendo situacións moi claras para facer gol. No referente ao ataque o  Octavio baixou o seu defensa a 6-0 e a pesar que a pelota se conseguiu levar a espazos para lanzar, nestes minutos producíronse moitos fallos. Desta maneira un esvaecido  Garaysa foise afastando no marcador ata o 22-17 final.

ACADEMIA OCTAVIO 22 (7+15) Sergio San Millán, Lucas García (7), Santiago García,  Brais Martínez (2), Diego Armesto, Hector Rodríguez (1), Juan Aranda, Marcos López (2), Hector  da Cunha (3), Carlos Curras (7), Hugo Losado, Belardino García.

GARAYSA XIRIA 17 (8+9) Alejandro Vázquez (p), Alex Tato (p)- Nicolás García, Alberto Rodríguez (1), Pedro Porteiro, Samuel Regueira (4), Ángel Viña (4), Samuel Veiga (2), Erik Vázquez (2), Pablo Veiga (2), Xurxo Fraga (2), Miguel Cambón.