Dous puntos importantes en xogo

Complicado encontro para o Calvo Xiria esta fin de semana no  Vila de Noia ante un Bm Chapela que se atopa nestes intres na cuarta posición, a catro puntos dos carballeses, loitando por meterse nos dous primeiros postos que dan opción de xogar a fase de ascenso. Para poder levarase o botín en xogo, deberán os verdinegros retomar a súa mellor versión: defender, correr e darlle velocidade ao balón no ataque posicional, mellorando as súas prestacións nas últimas xornadas.

O partido comezará ás 18:00 e o apoio dos seareiros será vital para axudar a retomar aos seus o camiño da vitoria.

Este próximo fin de semana, o Goldie Xiria comeza a segunda fase da competición. O primeiro partido que afrontarán as de Carballo, será o sábado ás 16:00h no pavillón Vila de Noia, ante un equipo de gran tradición no balonmán feminino como é a SAR de Redondela. Despois dos resultados positivos acadados nas dúas últimas semanas, queren as carballesas entrar con bo pé nesta fase.

Pola súa banda e despois da contundente vitoria conseguida ante o BM. Lalín na anterior xornada, o Laber Xiria viaxa a Coruña para afrontar un complicado derbi ante o BM. Ártabro. O partido dará comezo o Domingo ás 13:00h no Pavillón Novo Mesoiro e con todos os efectivos a punto, os de Carballo pelexarán por unha vitoria que os manteña nos postos altos da táboa de clasificación.

Mais xusto antes, ás 11:30, será a quenda do Grupo Lemaco Xiria que terá enfronte tamén ao Ártabro, nunha xornada na que de levarse os puntos en xogo pode escalar algún posto na táboa clasificatoria, e de paso afastar a algún dos rivais que marchan xunto aos carballeses na mesma. Afianzarse no traballo defensivo e buscar a mellor opción de lanzamento serán dúas mateiras fundamentais para o Xiria.

Tamén o domingo, mais no San Franscisco Javier ás 11:15 o Garaysa Xiria disputa o derbi provincial ante o Oar Coruña. O equipo vai mellorando e ten ante se, un rival físico que lle esixirá dar o 100% en cada acción. Unha das claves será evitar as perdas de balón innecesarias e buscar boas opcións de lanzamento cunha rápida circulación de balón. No apartado defensivo, as accións 1×1 esixirán máximo esforzo de reacción e anticipación por parte de todos os xogadores para conseguir o obxectivo dos puntos.

Os equipos de territorial infantil viaxan até Lugo o sábado pola mañá para enfrontarse ao Bm Lucus. Empezarán ás 10:00 o Marmolería José Rey Xiria en categoría masculina, e ás 11:15 será a quenda para as xogadoras de Punta del Este Xiria. Os dous equipos están a adestrar ben, polo que esperan competir a bo nivel, onde a mobilidade para o xogo sen balón e aproveitar o espazo do campo para buscar a mellor opción de cara a portaría será fundamental.