Dous puntos para Calvo Xiria nunha gran partido

Importante vitoria do Calvo Xiria na visita que rendeu ao Seis do Nadal na mañá do domingo. Dous puntos nunha cancha moi complicada, na que claudicou algún dos equipos da parte alta da táboa.
Saíu o Calvo moi concienciado da necesidade de levar a iniciativa no partido dende o inicio, tanto foi así que acadou un parcial de 5-0 nos primeiros minutos. Dende ese intre os carballeses apoiándose no bo facer defensivo e no traballo de Iago, foron elevando a diferenza no electrónico, pois tamén no xogo ofensivo amosábase superior. Chegou o tempo de lecer con clara vantaxe para Xiria, mais estaba claro que os olívicos non se renderían. A pesares de chegar a verse no segundo acto 10 goles por abaixo non tiraron a toalla, e cunha defensa aberta que rompeu o ataque carballés, achegouse até os dous goles. Mais xurdiu, no momento máis delicado, a calma no equipo verdinegro, que con moita mobilidade de todos os seus efectivo puxo de novo o partido de cara, facendo infrutuoso o gran traballo dos de Coia no segundo tempo. Recuperar a todos os xogadores tocados, neste partido acabaron bastante tocados Uxío e Gonzalo, é imprescindible para afrontar con garantías o próximo choque ante o Bm. Lalín o vindeiro sábado no Vila de Noia, que deberá presentar un aspecto de gala para levar aos seus en busca da vitoria nun partido de máxima dificultade.
Incidencias: Partido disputado no Pavillón Municipal de Coia con 400 seareiros nas bancadas, entre os que se deixou sentir un nutrido grupo de seareiros carballeses. Colexiados: Damiá Sánchez Miquel e David Vicente Cerrillo do colexio catalán sen complicacións. Castigaron con exclusión a Andrés Novoa (24´, 54´), Iván López (33´, 53´), Adrián Leiros (cartón vermello directo 43´) por parte local, namentres polo Calvo Xiria foron sancionados Javier Rodríguez (28´), Jorge Bouzas (47´), Gonzalo Pombo (52´), Brais Puñal (57´). 7 metros: Magope Seis do Nadal Coia 5//7, Calvo Xiria 6//7. Marcador cada 5 minutos: 0-2, 2-6, 3-8, 4-10, 6-13, 10-17, descanso, 13-20, 15-23, 19-24, 24-28, 26-31.
MAGOPE SEIS DO NADAL COIA 26 (10+16): Martín Fernández [p], Diego García [p], Artur Costa, Germán Iglesias (7), Denis Estévez (1), Javier Freijeiro (2), Adrián Leiros (2), Marcos Treinta (1), David Alves (2), Iván López (7), Jacobo Rodríguez (2), Diego Fernández, David costa (2), Andrés Novoa.
CALVO XIRIA 31 (17+14): Martín Gómez [p], Iago Gómez [p], Alejandro Naya, [p], Alejandro Calvete, Brais Puñal (2), Manuel Méndez (1), Sergio Facal (4), Uxío Batán (2), Martín Alfeirán (5), Gonzalo Pombo (6), Mario García de Seárez, Ramón Suárez –Pumariega (3), Jorge Bouzas (3), Carlos Vilanova (2), Javier Rodríguez (3).