Escolas Balonmán Xiria inicia a tempada

Comeza un novo curso para o balonmán carballés esta fin de semana. Cinco dos equipos de Escolas Balonmán Xiria botan a andar nas competicións ligueiras. Serán os sénior, masculino e feminino, e os equipos da División de Honra, infantil, cadete e xuvenil.

O primeiro en entrar en acción será o Calvo Xiria que rende visita ao OAR da Coruña no único duelo provincial desta tempada. O sábado ás 17:00 no San Francisco Javier tentará o conxunto bergantiñán de acadar os dous primeiros puntos dun ano, no que de novo loitará en cada partido para chegar ao final nos postos máis altos. Con cambios importantes no seu plantel que farán mudar o seu xogo chegan os carballeses nun bo momento de forma a este inicio de campaña, logo de facer unha moi boa tempada.

 Seguinte quenda para o Goldie Xiria sénior feminino. Tamén coma visitante, desta volta en O Grove o sábado ás 17:30. O Goldie, un conxunto moi novo pero cheo de ilusión, inicia un novo ano na 1ª Autonómica Feminina. O traballo diario e os partidos semanais, farán crecer a un equipo novísimo cunha marxe de mellora importante.

E no seu habitual horario dominical, a División de Honra deixará un triplo enfrontamento Xiria – Carballal. Ás 10:00 romperán o xeo os infantís do Garaysa Xiria, logo das vacacións atopámonos ante un choque igualado, con dous equipos fortes e que darán moito que falar esta tempada. O Garaysa tratará de conseguir coller un bo ritmo para competir ao longo do partido e manter a calma nos momentos necesarios ante o sempre difícil inicio de tempada, para iso dispón de todos os seus efectivos, despois de realizar unha boa pretempada.

De seguido, ás 11:15, o Grupo Lemaco Xiria cadete estrearase, cun equipo formado practicamente por xogadores de primeiro ano, e que logo dos amigables que disputou e nos que deixou unha boa imaxe tratarán de incrementar o seu esforzo semana a semana para afianzarse na categoría.

Xa contra o mediodía, 12:30, o Laber Xiria xuvenil pechará a xornada coa ilusión de confirmar un ano máis o bo nivel e a regularidade mostrada en anos anteriores e, cun conxunto na súa maioría de primeiro ano, ser ambiciosos en canto á mellora dos aspectos individuais e colectivos, para loitar polos obxectivos máis ambiciosos na liga regular.