Fin de semana repleto de balonmán

En Escolas Balonmán Xiria afrontamos un fin de semana repleto de balonmán, desde os equipos senior masculino e feminino, ata os benxamíns da casa, que este fin de semana disputarán a primeira xornada da tempada en BM5.

O Calvo Xiria de 1ª nacional visitará o Grove coa idea de conseguir os dous puntos en xogo e desta forma continuar nos postos de privilexio, a un punto do líder como mínimo. Será un encontro moi complicado, unha pista onde a pasada tempada xa se sufríu para acabar conseguindo a vitoria por un curto resultado de 20-22. Os carballeses deberán de novo de fortalecer a parcela defensiva e traballar tácticamente no posicional para conseguir algo positivo fronte ao BM. Rasoeiro, un rival que se mostra tremendamente competitivo, sobre todo cando exerce de local. O encontro disputarase no Novo Pavillón Monte Dá Vila o Sábado ás 18:00h.
Pola súa banda, as mozas do Goldie exercerán como locais fronte ao Nova Xestión Pavillón o Domingo ás 12:30 no Vila De Noia. As verdinegras esperan poder alongar a súa boa serie e seguir experimentando o bo crecemento que mostrou o equipo nas últimas semanas.

Entramos xa nas ligas de base de División De Honra e aí, Teremos dous desprazamentos diferentes, aínda que ambos na provincia de Pontevedra. Mentres os infantís do Garaysa e cadetes do Grupo Lemaco enfrontaranse ao Academia Octavio no pavillón de Coruxo (11:00 e 12:15 respectivamente) coa idea de conseguir dous novos puntos que lles permitan seguir no alto da táboa clasificatoria, os xuvenís do Laber farán o propio pero en Porriño (Municipal de Porriño 12:45), nun enfrontamento no que, en caso de conseguir a vitoria, os bergantiñáns poderían comezar a escalar posicións. Serán tres partidos difíciles ante rivais de entidade e no caso dos porriñeses, necesitados de puntos. Todos os encontros disputaranse o Sábado 11.

Xa o Domingo, e antes de que entre en escena o Goldie feminino, os cadetes de Hierros Varela Urbieta enfrontaranse no Vila De Noia ao C.BM.Atlántico. O conxunto de 2ª cadete tenta continuar coa progresión individual dos seus xogadores e que somen a maior cantidade de minutos posibles na experiencia da competición.

Tamén en 2ª cadete, pero en Infantil feminino, as nenas do Punta Del Este tentarán referendar o contundente arranque de competición nunha sempre complicada cancha como é o Municipal de Almeiras e ante o BM. Culleredo. O encontro dará comezo ás 11:30 do Domingo. O mesmo día e á mesma hora, pero en Carballo, o outro equipo feminino, o Garaysa, enfrontarase no pavillón do CEIP Fogar a Parrillada A Rolda RC. Arteixo. Para completar o trío de equipos infantís de 2ª división, quédanos o Marmolería J. Rey masculino, que xogarán no CEIP Fogar o Domingo ás 10:15,tendo como rival a un duro e complicado Arteixo BM. Telepizza Arteixo.

Por último, resaltar que o Sábado día 11 comezan as competicións de BM5. Esta primeira xornada e dentro do grupo A, o organizador será Escolas Balonmán Xiria e por tanto, os partidos levaranse a cabo no pavillón do CEIP Fogar nos seguintes horarios:

Equipos alevín masculino de E.BM.Xiria:
Laber Xiria – Ribadosa Alca Épsilon 10:00h
Telepizza Carballo Xiria – CD. Concello de Zas 10:00h
LK Xiria – Ribadosar.es 12:15h

Equipo Alevín feminino E.BM.Xiria:
Grupo Lemaco Xiria – BM. Camariñas B 10:45

Equipos benxamín Mixto E.BM.Xiria:
BM. Camariñas A – OAK English Xiria 11:30
Alcañ Ribadosar Alca – Clínica Dental Pico Branco Xiria 11:30