Fin de semana repleto de balonmán

Volve o balonmán ao Vila de Noia logo do parón motivado polas festas de Nadal, e o fai cun fin de semana ben repleto de partidos para Escolas Balonmán Xiria na casa.

Pecha o Calvo Xiria a primeira volta ca visita do Lavadores, este sábado ás 18:00, que ocupa o derradeiro posto da táboa clasificatoria. Mais despois das tres semanas sen competición, e logo de acabar o ano nunha clara liña ascendente, os vigueses farán  todo o posible para levarse os puntos en xogo, motivados tamén pola incorporación de Fabián González, xogador que viña competindo até o de agora co Cisne na División de Honra Prata. Dende logo os carballeses tampouco se gardarán nada nun partido que estará marcado polas posibles baixas por un par de escordaduras e a gripe que está a afectar a varios xogadores locais, mais o desexo de seguir gañando cada un dos partidos será un arma fundamental para o Xiria.

O Goldie Xiria disputa ás 16:00 no Vila de Noia o seu partido ante o Bm Tui, coa ilusión de poder estrear a súa marcadora de puntos ante une quipo que se sitúa xusto por encima das carballesas. As de Tui, que suman unha vitoria en liga, precisamente ante o Goldie, que tratará de devolverlle a moeda ás pontevedresas nesta ocasión.

E o domingo día das categorías base de División de Honra no Vila de Noia. Os xuvenís, saltarán á pista coa necesidade de retomar a senda da vitoria e das boas sensacións que deixaron entrever na primeira parte do campionato. A vitoria faise vital para permanecer nos postos altos da clasificación e continuar por tanto con opcións de competir por un posto de acceso ao campionato de España ao finalizar a liga regular. A SAR de Redondela será un rival moi complicado e os xogadores carballeses deberán de traballar pacientemente e non cometer ningún erro ante un conxunto disciplinado e tacticamente moi correcto.

Os cadetes do Grupo Lemaco Xiria, ás 11:15 tamén ante a SAR, tentarán amosar o traballo levado a cabo durante este parón, para facerse cos puntos ante un rival que saca tres puntos aos carballeses. Manter a intensidade defensiva durante os longos ataques que propón o equipo redondelán e seleccionar correctamente os lanzamentos, serán vitais para facerse co botín en xogo.

E xusto antes, ás 10:00, queda do Garaysa Xiria que recibe a visita da SAR. Equipos con aspiracións totalmente distintas, xa que o Garaysa loita pola conquista do título galego e a SAR pelexa pola permanencia. A lóxica dinos que os carballeses son favoritos; xa na ida impuxéronse por 13 a 41. Pero na pista deberá tratar de coller de novo o ritmo de competición e preparar da mellor maneira esta segunda metade da tempada.

Os equipos infantís de territorial tamén xogan o domingo, farano no pavillón Carballo Calero contra o BM Ártabro.
Ás 10:30 saltarán á pista as xogadoras do Punta del Este Xiria, mentres que ás 12:00 farano os do Marmolería José Rey Xiria.
Os dous equipos queren empezar con bo pé o ano, tratando de conseguir os puntos en xogo. Para iso a defensa e o contraataque serán pezas fundamentais á hora de lograr o obxectivo.