Gran partido do Goldie Xiria en Redondela e vitoria importante

O Goldie Xiria logrou unha importante vitoria en Redondela ante a SAR, un rival ante o que se mostrou moi superior, sobre todo nun fantástico primeiro tempo e grazas a sua defensa, acompañada dunha rápida e letal saída ao contragolpe. As mozas de ouro mostraron gran eficacia e saber facer no contraataque, atopando finalizacións con pases ao pivote, polo extremo e con lanzamentos da primeira liña desde zonas máis afastadas, un auténtico quebradizo de cabeza para as locais que se vían unha e outra vez superadas no seu balance defensivo. No ataque posicional, as carballesas tamén estaba a ser superiores, o xogo colectivo, a circulación do balón e a boa  toma de decisións nos lanzamentos, propiciaban unhas cómodas vantaxes entre os catro e cinco goles durante este primeiros trinta minutos, renda coa que se chegaría ao tempo de descanso (10-14). Na continuación, as de Redondela saíron cunha defensa presionante sobre a primeira liña bergantiñá e o Goldie non soubo adaptarse a tal feito nos primeiros minutos do segundo acto. As precipitacións e os erros nos pases facían a súa aparición e as locais situábanse a tan só un gol de diferenza. O Goldie Xiria aos poucos íase recompoñendo e adaptándose á nova defensa. Mentres tanto, seguía aproveitando as recuperacións en defensa e a saída ao contragolpe, para recuperar o que perdera no ataque. No últimos dez minutos, as de Carballo controlaron moito mellor o ritmo de xogo, coa pausa necesaria ante a defensa aberta e maior mobilidade de todas as xogadoras, para levar a vitoria e dous puntos importantísimos cara ao que queda por disputar nesta loita pola permanencia.

Para a semana, segundo derbi da tempada no que será a visita do BM. Camariñas a Carballo e partido no que se fai vital a vitoria do Goldie para manter as esperanzas de permanenza.

SAR: 23 (10+13). Inés Soto (1), Antía Couñago (4), Rebeca Prego, Lida Krook (1), Laura González, Lucía Groba, Laura López, Eva Paz, Noelia Taboas, Ana Rodríguez (3), Begoña Fuenteseca (5), María Alen Soliño (5), Veronica Posada (1), Cecilia Rodríguez, Carla Barciela, Moemí Soliño (3).

Goldie Xiria: 26 (14+12). Andrea Pose (p), Uxía Pazos, Saray Couto, Alba Rodríguez, Raquel Gómez (5), Juana Garrochena (7), Adriana Groba (3), Elena Segade (2), Zeltia Landeira (5), Diana Rodríguez (1), Sara Pombo (1), Sheila Ferreiro (2), Natalia Solís.

Arbitros: Roberto Trigo e José Angel Rodríguez. Sen complicacións

Incidencias: Primeiro encontro da segunda volta na fase pola permanencia da 1ª Autonómica feminina, disputado na “Bombonera” de Redondela ante cincuenta siareiros.