Máis que dous puntos en xogo

Calvo Xiria e Embutidos Lalinense Bm Lalín disputan a partir das 18:00 horas no Vila de Noia un partido vital para as opcións de uns e outros de cara á clasificación final e no que de seguro será vital o apoio incondicional dos seareiros carballeses, que terán un papel fundamental para que os puntos se queden na casa. Dous equipos moi semellantes na forma de confeccionar as súas plantillas, tendo como referencia os equipos de base, e que ocupan neste intre a primeira e terceira praza na clasificación son motivos suficientes para que o Pavillón Vila de Noia mostre o aspecto das grandes ocasións.

Tentará o Calvo Xiria imporse dende a defensa a un conxunto que tamén ten entre as súas principais armas o contraataque. Deberán os carballeses polo tanto amosarse moi seguros na circulación de balón e, como non pode ser doutro xeito, mellorar no lanzamento para evitar que os extremos dezáns poidan acadar goles sinxelos. Un partido no que terán moito que dicir tamén as porterías, como ocorreu na primeira volta.

O Goldie Xiria, viaxa este Sábado a Vigo para enfrontarse ao BM. Carballal no Pavillón Loureiro. O encontro dará comezo ás 16:30, nun intento das de Carballo por conseguir unha nova vitoria despois de saír derrotadas a semana pasada como locais ante o BM. Tui. Os adestramentos da semana ditarán que xogadoras estarán dispoñibles para este partido, xa que as lesións minguaron a primeira liña bergantiñá nas últimas semanas.

E o domingo importante xornada para os equipos da DH no Vila de Noia ante o conxunto vigués do Seis do Nadal. Ás 10:00 os infantís do Garaysa Xiria terán ante si a un equipo perigoso que lle complicou moito as cousas no partido de ida, e onde conseguiron unha traballada vitoria. Os de Vigo, xogan a través de progresións sucesivas e cun pivote grande na liña de 6 metros que lle esixirá aos de Carballo estar moi centrados en tarefas defensivas. Tratarán de volver ao seu xogo habitual; elevando o ton defensivo e correndo o contraataque onde son un equipo realmente forte.

Os cadetes do Grupo Lemaco Xiria tentarán dar a sorpresa ante o segundo clasificado, sendo necesario manter a concentración no eido defensivo para evitar os lanzamentos da primeira liña visitante, e non perder balóns que se poidan traducir nas rápidas contras que tanto lle gustan aos vigueses. Será a partir das 11:15 horas.

Pechan a xornada, 12:45, o Laber Xiria xuvenil recibindo ao actual líder da competición, o Seis Do Nadal. O encontro suporá unha nova final para o conxunto local. Coa case segura baixa de Andrés Vila, o Laber deberá minimizar os seus erros e facer un partido perfecto para bater ao conxunto olívico.

O sábado no Ceip Fogar será a quenda para os equipos infantís de territorial; que disputan a última xornada da liga regular. Tanto os de Marmolería José Rey Xiria, que xogan ás 11:00; como as de Punta del Este Xiria que o fan ás 12:15; reciben ao Arteixo Bm.