O Calvo Xiria alcanza os postos de privilexio cunha traballada vitoria

O Calvo Xiria conseguíu unha importante e meritoria vitoria nunha das pistas complicadas da categoría. O bo equipo da Cañiza presentou batalla aos verdinegros durante todo o encontro, que a pesar de verse cunhas rendas de tres e catro goles na maior parte do envite, nunca puido relaxarse ante a convicción e o bo facer do seu rival.
Comezou o BM. Saeplast Cañiza cun ritmo sobresainte o encontro, os seus ataques, verticais e coa portería contraria en mente, desarbolaban nos primeiros minutos a retagarda foránea, conseguindo un 4-2 que premiaba esa fulgurante insistencia. O Calvo Xiria, sen desarmarse e sabedores que isto non fixera máis que comezar, traballaba os seus ataques no posicional conseguindo, a través das rápidas circulacións de balón, situacións idóneas de lanzamento mentres a defensa se axustaba. Foron dez os minutos que tardaron os carballeses en pechar as súas liñas defensivas, pero unha vez conseguido, adiantábanse no electrónico cun 2-5 de parcial (5-7). O Calvo Xiria tomaba entón o mando do encontro, traballando e elaborando os ataques, movéndose xa en cómodas aínda que non definitivas diferenzas de tres e catro goles. Ao descanso chegábase cun 11-14 e coa idea que quedaba moito por facer para levar os dous puntos en xogo, xa que os locais seguían xogando a un altísimo ritmo e presentando un espírito competitivo digno de encomiar.
O segundo acto non defraudou, os bergantiñáns controlaban o xogo, pero os xogadores do Saeplast BM. Cañiza esperaban o seu momento e este apareceu: chegaban as exclusións, algunha delas, máis que rigorosas, rigurosísima e Juan Carlos Rodríguez recibía un cartón vermello que non lle permitía seguir no encontro. O Calvo Xiria pasaba polo seu momento máis delicado e con catro en pista aguantaba as arremetidas do seu rival, máis virulentas neste instante se cabe. Pasábase polo minuto 50 e os locais empataban a 22. A afección viña arriba, empuxaba ao seu equipo, pero o conxunto cadete feminino de Santa Comba, alí presente, respondía e animaba aos de Xiria. Foron minutos de tensión competitiva e dun marabilloso ambiente de balonmán e nese contexto, os de Carballo souberon sufrir e aguantar a presión ata poder recuperar todos os efectivos e afrontar con mellores garantías os últimos instantes. A solidariedade e a comuñón como equipo neses minutos, deron unha vitoria importantísima aos de Carballo, que desta forma alcanzan os postos de privilexio da táboa clasificatoria ascendendo ao terceiro lugar, empatado a pUntos co segundo e a tres do lider.

Saeplast BM Cañiza: 26 (11+15). Jacobo Coello, Ismael Lago (2), Daniel Mendes (4), Carlos Estévez, Daniel Dacuña, Jesús Veiga, Adirán Lomba, Manuel Alonso, Xacob Novoa, Pablo Álvarez, Andrés Piñeiro (3), Miguel Guedes, Javier Bernárdez, David Costa (5), Jacobo Rodríguez (7), Abraham Alonso (5).

Calvo Xiria: 32 (13+19). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Andrés Vila (2), Carlos Vilanova (6), Gabriel Castiñeiras, Julián López (1), Brais Puñal, Fran Rey, Pablo Iglesias (3), Hugo Rodríguez (2), Juan Carlos Rodríguez, Manuel Méndez (5), Jorge Bouzas (6), Sergio Facal (3), Alejandro Calvete (1).

Parciais cada 5´: 3-2/5-7/7-9/8-12/10-13/11-14/Descanso/13-16/16-19/17-21/21-22/23-26/26-29/Final.

Colexiados: Lucas Crespo e Javier Madruga. Non influiron no resultado final. Regular.

Incidencias: 7ª xornada da 1ª nacional masculina celebrada no pavillón municipal da Cañiza ante setenta e cinco seareiros entre os que se atopaban cinco de Carballo e o equipo cadete feminino de Sta Comba que estiveron animando o longo de todo o encontro ao Calvo Xiria.