O Calvo Xiria asina o inicio soñado

Nunha competición que se presupón tan igualada, comezar sumando os dous puntos en casa dun rival directo sería o inicio soñado por parte de calquera equipo. O Calvo Xiria, amparado nun traballo constante ao longo dos sesenta minutos, alcanzou este logro nunha das pistas máis complicadas da categoría e de paso, presentou as súas credenciais na liga.

A pesar das imprecisións típicas dos comezos de tempada, os dous conxuntos mostraron o seu poderío individual e colectivo e ofreceron un espectáculo de ida e volta que entretivo e mantivo en tensión constante aos seguidores que no día de onte abarrotaban as bancadas do Lalín Area.

A igualdade era insultante no inicio, ata os acertos e erros «poxábanse» a partes iguais, alternando goles e accións de belas facturas con imprecisións que se pagaban caro. Un par de situacións consecutivas deste tipo no ataque carballés, eran aproveitadas polos locais para abrir unha pequena brecha de dous goles no minuto vinte, vantaxe que coidarían para chegar ao descanso dominando 14-13. As situacións de 2×2 co pivote e o xogo de cruces na 1ª liña dezana, fixeran moito dano á retagarda verdinegra que non daba coa tecla para frear o ataque do seu rival. Na outra área, un Xiria descoñecido, estrelábase contra o centro da defensa de Lalín, botando en falta a velocidade na circulación de balón e a mobilidade dos compoñentes da 1ª liña.

Cun 2-4 de parcial no inicio da segunda parte, o Calvo Xiria tomaba o mando no electrónico (16-17). O horizonte comezaba a presentar outra tonalidade, pero aínda quedaban 25´de alternativas e incidencias para os úns e os outros. Respondían os locais con orgullo e asinaban un 4-1 que lles outorgaba a vantaxe de novo, agora de dous goles (20-18) e mantíñanse por diante dos bergantiñáns ata o minuto cincuenta, onde un novo empate (25-25) transportaríanos a dez últimos minutos de máxima tensión.

No momento clave, os verdinegros conseguían un parcial de 1-3 e situábanse nun lugar privilexiado na recta final (26-28). O encontro agonizaba e a incerteza continuaba presente, xa que os de Carballo afrontaban corenta segundos a cara ou cruz con catro xogadores de campo por senllas exclusións consecutivas e un só gol de vantaxe. Os de Carballo souberon aguantar o balón ante a presión do rival e desta forma sumar dous primeiros puntos de gran valía no primeiro envite da tempada.

A semana que vén, o Calvo Xiria deberá afrontar outro duro partido contra o Construciones Castro Lavadores, outro dos aspirantes ao título ligueiro e que visitará o Vila De Noia o Sábado ás 20:00.

Embutidos Lalinense: 30 (14+16). Ramón Gil (5), Adrián Crespo, Uxío Batán (1), Arón Diaz (2), Bruno Fernández (2), Miguel Porto (6), Román Pedreira (4), Alexandre Dacosta (5), Carlos Durán, Iago González, José Pedreira (1), Roberto Álvarez (2), Aser Pereira, Martín Losón, Rubén Fernández (1), Adrián Losón (1).

Calvo Xiria: 31 (13+18). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (6), Gabriel Castiñeiras, Cuco, Julián López, Brais Puñal, Fran Rey, Pablo Iglesias (4), Chimpo (10), Carlos García (6), Juanka, Enrique Pena, Manuel Méndez (2), Jorge Bouzas, Iván Amarelle (3).

Parciais cada 5´: 3-2/ 4-5/ 6-6/ 9-7/ 12-10/ 14-13/ Descanso/ 16-17/ 20-18/ 22-21/ 25-25/ 26-28/ 30-31 Final.

Colexiados: Pablo Álvarez e Marcos Outeda. Non influiron no resultado final.

Incidencias: Encontro da primeira xornada do grupo A na 1ª nacional masculina celebrado no pavillón Lalín Arena con cheo completo nas bancadas. Moitos seguidores do Calvo Xiria foron os que se despalazaron e mesmo o alcalde de Carballo, D. Evencio Ferrero, foi quen de viaxar a terras do Deza para apoiar a os seus.