O Calvo Xiria atáscase ante a retagarda do ATL. Novás

Afrontábase un encontro deses que dá gusto xogar: Un pavillón repleto de afeccionados dos dous equipos, un ambiente festivo, a TVG como espectador de luxo, dous grandes equipos (1º e 2º clasificado) e ambos con pasaporte para a fase de ascenso a DHP.

O Calvo Xiria acudía ambicioso, inconformista, fiel a esa esencia competitiva que lles caracteriza, disposto a esgotar as opcións de ser campións e de, ao mesmo tempo, probarse contra un rival de soleira cara a esa fase de ascenso que se celebrará dentro de tres semanas.

Se o labor xa era complicado ante o poderío económico do club do Rosal e do físico dos seus xogadores, o Calvo Xiria engadía o hándicap de non poder contar con Chimpo por lesión e sen Carlos Vilanova, lesionado aos 10´ despois de ser un importante elemento neste comezo. A pesar de todo e contra todo, os de Carballo, como sempre, demostraron ese gran orgullo competitivo que xunto ao seu bo facer, mantíñaos por diante do seu rival durante parte do primeiro tempo.

A igualdade predominaba nestes trinta minutos e as defensas e os porteiros, impoñíanse aos ataques. 10-8 para os locais ao descanso, deixaba todo aberto para a continuación.

Foi no inicio do segundo período onde os rosaleiros romperon o partido e é que un 5-1 de parcial no primeiros dez minutos, converteuse nunha laxa demasiado pesada e imposible de levantar. A partir dese inicio fulgurante, os parciais volveron igualar, pero o Atl. Novás, controlando ao seu rival desde a defensa, non ía perder o terreo gañado. A falta de continuidade en ataque penalizaba agora ao Xiria, que buscaba a remontada co xogo individual dos seus homes, que se estrelaban ante a superioridade física do seu opoñente.

Unha excelente lección para mellorar e apontoar aspectos do ataque e a defensa pensando nesa fase de ascenso de dentro de tres semanas.

Acanor ATL. Novás: 23 (10+13). Roberto Rodríguez (1), Iago Flores (3), David García (5), Paulo Dacosta (2), Germán Hermida (1), Cesar Armán (3), Roberto Calvo, Iago Cuadrado (1), Roberto Sio (2), Iago Muiña (2), Kevin García, Carlos Rodríguez (1), Miguel Trigo, Yago Alonso, Daniel Vicente.

Calvo Xiria: 16 (8+8). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Andrés Vila (2), Carlos Vilanova (2), Gabriel Castiñeiras (1), Julián López, Brais Puñal, Fran Rey, Pablo Iglesias (5), Juan Carlos Rodríguez, Manuel Méndez (3), Sergio Facal, Jorge Bouzas (3), Alejandro Calvete, Chimpo, Miguel Suárez – Pumariega.

Parciais cada 5´: 2-1/3-4/4-6/7-7/9-8/10-8 /Descanso/13-9/15-9/16-10/19-12/21-14/23-16/ Final.  

Colexiados: Pedro Eiras e Aaron Sestay. Non estiveron acertados no día de hoxe, inda que non influiron no resultado final.

Incidencias: 29ª xornada do campionato da 1ª nacional masculina celebrada no pavillón do Rosal cun cheo absoluto nas bancadas e un ambiente festivo espectacular.