O Calvo Xiria cede un punto nos últimos segundos dun partido errático

O Calvo Xiria, cedeu un punto no día de onte cando tiña na súa man o encontro ante o Vilatrade Lavadores. Foi un mal partido por parte dos dous conxuntos, pero os olívicos, máis activos e concentrados que os verdinegros, souberon aproveitar os múltiples erros destes para sacar tallada dun encontro que se lles escapaba na segunda parte. No primeiro tempo, o Vilatrade Lavadores dominou ante un Xiria irrecoñecible con respecto ao que asombrou co seu xogo facía sete días. Nos primeiros instantes, os locais gozaban de varias situacións para conseguir unha cómoda distancia inicial, pero os erros no lanzamento, sós contra o porteiro, posibilitaban as contras e os goles do rival. Tomaba entón as rendas do encontro o conxunto de Vigo, que conseguía superar o 5:1 e o 6:0 dos bergantiñáns. As defensas, inexistentes neste primeiro acto, posibilitaban o 15-17 que o electrónico reflectía no descanso. Foi na continuación cando o Calvo Xiria, sen atopar nunca as súas mellores sensacións, pero se activando en maior medida a súa intensidade defensiva, conseguía dar a volta ao marcador e poñerse catro goles arriba a falta doutros tantos minutos para a finalización. Virtualmente, a vitoria estaba na man e os dous puntos ían quedar na casa, pero un curtocircuíto en modo de erros, perdas de balón e un cúmulo de despropósitos, regalaban un 0-4 de parcial nos instantes finais para que un punto dos dous pòsibles voase de modo incomprensible cara ao barrio de Lavadores en Vigo.

A próxima semana, ás 20:00h do Sábado, o Calvo Xiria afrontará o primeiro derbi da tempada contra o OAR da Coruña no pavillón de San Francisco Xabier. O equipo de Carballo deberá de volver á intensidade defensiva e xogo combinativo e veloz se quere impoñerse ante o bo conxunto coruñés.

Calvo Xiria: 28 (15+13). Antonio Mato (p), Iago Gómez (p), Andrés Vila, Carlos Vilanova (2), Gabriel Castiñeiras, Julián López (1), Brais Puñal, Fran Rey, Pablo Iglesias (5), Hugo Rodríguez (6), Miguel Suárez-Pumariega, Juan Carlos Rodríguez (2), Manuel Méndez (4), Sergio Facal, Jorge Bouzas (7), Alejandro Calvete (1).

Vilatrade Lavadores: 28 (17+11). Felipe Lorenzo (3), Adrián Suárez (5), Fabián González (4), Daniel Miró (5), Andrés Pérez (1), Iván Calvo (1), Alexandre Silva, Matías Maquieira (4), Xurxo Ojea (2), Anxo Otero (1), David Álvarez, Xoel Martínez, Pablo Villasenín (2), Rubén López.

Parciais 5´: 3-3/5-7/7-10/9-12/12-13/15-17/Descanso/17-18/20-19/23-21/26-24/28-24/28-28.

Colexiados: Javier Gutiérrez e Fernando López. Do mesmo xeito que os equipos en liza, tampouco tiveron a súa mellor actuación.   Excluiron a Brais Puñal (2), Jorge Bouzas e Juan Carlos Rodríguez polos locais, namentres que no Lavadores, sufriron exclusións Fabián González e Iván Calvo (3).

Incidencias: Partido da terceira xornada de 1ª nacional disputado no pavillón Vila De Noia ante cento cincuenta espectadores.