O Calvo Xiria consegue unha nova vitoria en Gijón ante un gran equipo

Despois de moitos anos, o grupo A de a 1ª nacional volvía deparar enfrontamentos entre equipos galegos e asturianos. Previsiblemente, isto faría elevar o nivel do mesmo, xa que os conxuntos de Asturias sempre se destacaron polo seu talento balonmanístico e o seu carácter competitivo. Sabedores de todo isto, viaxaba o Calvo Xiria a Gijón, mentalizados para traballar durante sesenta minutos un partido no que a recado se atoparían con non poucas dificultades.

Sabían os galegos que o Procoaf Gijón é un equipo novo con notables capacidades físicas e uns xogadores con longo percorrido neste deporte dada a súa calidade e mocidade. Equiparábase este conxunto con outros chamados a pelexar polos postos altos e así o demostraban os seus resultados con Contrucciones Castro Lavadores e cos seus veciños de Unión Financiera de Oviedo.

O resultado foi o esperado e a pesar do forte inicio dos visitantes impoñendo un alto ritmo no contraataque e no contragol, o encontro viuse marcado pola incerteza e a igualdade durante sesenta minutos de alternativas e igualadas.

Na retagarda, os de Carballo sufrían a explosividad e a calidade no 1×1 de xogadores como David Ortega e Diego Cruz, excesivamente planos aqueles e carentes de profundidade. No ataque posicional, o ritmo e a velocidade de balón á que nos ten afeito o conxunto verdinegro, non terminaba de fluír con regularidade e é que os xixoneses, destruían esa posibilidade coa disuasión e profundidade nos segundos. A ausencia de desmarques e xogo sen balón por parte dos de Xiria, facilitaban o labor da defensa local.

A mínima vantaxe ao descanso (12-11) reflectía á perfección o acontecido no primeiros trinta minutos e animaba aos equipos para matizar as súas ideas para a segunda parte nun partido que, a recado, resolveríase nos instantes finais.

Neses últimos minutos, cando o envite tocaba ao seu fin, foi cando o binomio defensivo-portería respondeu mellor e erixiuse clave na consecución da vitoria. Por unha banda, a retagarda elevou a súa atención e intensidade na marcaxe ao pivote e nas situacións de 1×1, con Jorge Bouzas facendo un excelente labor no 5:1 e por outro, cando os primeiros víanse superados, aparecía Iago Gómez en portería, que con tres paradas claves nos últimos instantes, daba aire aos seus compañeiros.

Despois de como fora o encontro, o Calvo Xiria chegaba con certa situación de desafogo ao último minuto, xa que se situaba con dous goles de vantaxe (22-24) e balón para conseguir a que sería unha diferenza definitiva de tres goles, pero úns pasos pitados a Pablo Iglesias darían a oportunidade de marcar rapidamente ao Procoaf e meter o medo no corpo aos bergantiñáns. A seguinte acción, cando Carlos García retiña o balón sen intención de atacar, era sancionada como pasivo e un último lanzamento con tempo a cero e barreira, poñía os nervios de punta aos afeccionados carballeses que se desprazaron a Gijón.

Final feliz para os xogadores do Calvo Xiria despois de que ese definitivo lanzamento non conseguise o seu obxectivo e que permite que os de Carballo sigan invictos ante un excelente conxunto como o Procoaf Gijón.

O Sábado que vén, ás 18:00 h no Vila De Noia, o Calvo Xiria recibirá ao BM. Chapela nun partido que se presume de gran importancia para os de Carballo. A vitoria faise imprescindible ante un rival directo que vén de impoñerse ao Lalinense e que buscarán conseguir os dous puntos no Vila De Noia para meterse de novo de cheo na pelexa pola cabeza da clasificación.

Procoaf Gijón: 23 (12+11). Luis Madrazo (1), Pablo Roberto Rionda, Alex Cortina (1), Devyn Joseph Angus, David Ortega (8), Alejandro García (1), Kevin Nicolás (1), Diego Cruz (6), Hugo De La Puente (3), Armando Corripio, Alfredo Langa (2), Juanjo Basante, Gabriel Mesa, Rogelio Brage.

Calvo Xiria: 24 (11+13). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (1), Gabriel Castiñeiras,  Julián López (1), Pablo Iglesias (4), Chimpo (3), Carlos García (6), Iago Franco, Juan Carlos Rodríguez (2), Manuel Méndez (5), Jorge Bouzas, Alejando Calvete, Iván Amarelle, Enrique Pena Pensado (2).

Parciais cada 5´: 2-4 / 4-6/ 6-6/ 8-7/ 11-9/ 12-11/Descanso/13-12/ 15-15/ 17-17/ 19-20/ 21-22/ 23-24. Final

Colexiados: Pablo San Emeterio e Javier Ariño. Excluiron a Alejandro García por parte dos locais e a Julián López, Iván Amarelle e Juanka (3), por parte dos visitantes.

Incidencias: Encontro da 10ª xornada da 1ª nacional celebrado nun pavillón Municipal de Gijón con boa afluencia de público e unha trintena de siareiros carballeses, entre os que se atopaban o alcalde de Carballo Evencio Ferrero.