O Calvo Xiria domina o importante partido ante o Vilatrade BM.Lavadores

O

Calvo Xiria visitaba o pasado sábado a difícil pista do Vilatrade BM. Lavadores. Os de Carballo debían de conseguir os dous puntos en xogo para seguir nese segundo posto da clasificación, pero o obxectivo non se antollaba nada sinxelo, xa que os olívicos xa puxeran en serios apretos aos verdinegros na primeira volta e mesmo foron capaces de conseguir un empate no Vila De Noia carballés.

Conscientes da dificultade do envite, o conxunto de Xiria saíu moi concentrado e serio, tal e como vén facendo en todos os partidos despois do parón do Nadal. Facéndose forte desde a súa retagarda, as diferenzas pronto se materializaron no electrónico e o 4-9 que reflectía o marcador no minuto 15, deixaba moi claro que os xogadores do Calvo querían evitar sorpresas innecesarias. A pesar das numerosas baixas, os bergantiñáns mostraron un alto ritmo de xogo, deixando evidencias do seu bo momento físico e mental. As diferenzas foron moi cómodas neste tempo, movéndose entre os 6 e 7goles. Ao descanso, o 10-15 deixaba unha cómoda vantaxe, pero o Calvo Xiria sabía que aínda había moito que traballar polo bo nivel demostrado por parte dos locais.

O Vilatrade Lavadores é un equipo con moi bos xogadores en todas as súas liñas e cun excelente nivel competitivo, non dándose nunca por vencidos a pesar das diferenzas. Neste contexto, o conxunto olívico trazou un plan que lle deu bos resultados e que mesmo lle levou a conseguir un parcial de 4-1 entre o minuto 40 e 45, reducindo a diferenza a dous goles. O ataque con 7 xogadores (catro primeiras liñas), se lle atragantou á defensa carballesa, que encaixaban goles con facilidade e de forma rápida. Non se fixo esperar a reacción dos verdinegros, que nesta ocasión vestían co seu segundo equipamento e respondían cun 2-4 que de novo devolvía as diferenzas a unha cómoda distancia de catro goles que se mantería a dez e cinco minutos do final. Os locais tentárono entón cunha férrea presión adiantando as súas liñas e con dúas mixtas, pero nesta ocasión, o Calvo Xiria non perdíu a cabeza e soubo superar eses momentos de presión local.

Vilatrade Lavadores: 26 (10+16). Fernando Fernández (1), Adrián Suárez (2), Julio Ignacio Baummann, Fabián González (4), Daniel Miró, Andrés Pérez (6), Iván Calvo, Alexandre Silva, Matías Maquieira (1), Xurxo Ojez (1), Anxo Otero (4), David Álvarez, Xoel Martínez (5), Pablo Villasenín (1), Pablo López (1).

Calvo Xiria: 28 (15+13). Iago Gómez (p) (1), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (6), Gabriel Castiñeiras, Julián López (2), Brais Puñal, Pablo Iglesias (10),Miguel Suárez-Pumariega, Juan Carlos Rodríguez, Manuel Méndez (4), Jorge Bouzas (2), Alejandro Calvete, Sergio Facal Fariña, Chimpo (3).

Parciais cada 5´: 2-3/3-6/4-9/5-11/7-13/10-15/Descanso/12-18/15-20/19-21/21-25/23-27/26-28/Final.  

Colexiados: Abel Juncal e Angel Mateos. Sen complicacións.

Incidencias: 18ª xornada do campionato da 1ª nacional masculina celebrada no pavillón de Lavadores en Vigo ante cento cincoenta seareiros, algúns deles, desprazados dende Carballo.