O Calvo Xiria móstrase intratable e conquista a segunda praza

O Calvo Xiria, como ven facendo neste inicio de ano, mostrou unha superioridade e un poderío incontestable fronte ao Construciones Castro, un rival directo que en caso de conseguir os dous puntos, superaría na clasificación aos de Carballo. Pero a realidade foi moi distinta e os verdinegros non deron opción ao seu rival, superando o envite con comodidade e folgura.
Tras uns primeiros minutos algo máis erráticos, nos cales os faios en contraataques e as boas intervencións do porteiro visitante non deixaban despegarse ao conxunto bergantiñán, estes tomaron velocidade de cruceiro a partir das boas accións defensivas e despregaron todo o seu potencial nas accións do ataque posicional e velocidade no contragolpe, para dominar xa ao descanso por un 17-10 que deixaba o encontro moi favorable aos intereses do Calvo.
Aínda que os olívicos foron capaces de rebaixar a diferenza aos catro goles nalgún momento do segundo acto, non inquietaron en ningún momento ao seu rival, que coa mesma eficacia defensiva e solvencia en ataque, conseguiron un cómodo triunfo que unido á derrota do BM.Lalín, deixa aos de Xiria ocupando a segunda praza da clasificación en solitario.

Calvo Xiria: 27 (17+10). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Andrés Vila, Carlos Vilanova (6), Gabriel Castiñeiras, Julián López (2), Brais Puñal, Fran Rey, Pablo Iglesias (4),Miguel Suárez-Pumariega, Juan Carlos Rodríguez (3), Manuel Méndez (3), Jorge Bouzas (3), Alejandro Calvete (1), Sergio Facal Fariña, Chimpo (5).

Construcciones Castro Octavio: 22 (10+12). Raul Pérez, David López, Pablo Sánchez (1), Jorge Fontenla (8), Diego Prada (2), Alberto Santiago (1), Roberto Couso (1), Adrián Boullosa, Milton Cesar Vieira (5), Carlos Fernández, Daniel Fernández, Pablo García (1), Alberto Garrido (3), Andrés Alonso.

Parciais cada 5´: 3-1/5-4/8-4/9-6/13-7/17-10/Descanso/19-12/21-15/22-17/25-19/27-19/27-22/Final.

Colexiados: Jorge Muras e Saul Menéndez. Sen complicacións.

Incidencias: 17ª xornada do campionato da 1ª nacional masculina celebrada no pavillón Vila De Noia ante douscentos seareiros.