O Calvo Xiria sae vencedor no derbi e camiña firme cara ao seu obxectivo

O pasado sábado celebrábase un novo derbi no pavillón Vila De Noia de Carballo. O OAR da Coruña chegaba como un rival a temer, xa que derrotara aos verdinegros o ano pasado neste mesmo esceario e nesta mesma tempada, na primeira volta, nun encontro que os coruñeses dominaron de principio a fin. Os bergantiñaos sabían que nesta ocasión, a historia non se podía repetir se querían seguir mantendo a segunda praza da clasificación e a persecución do lider Novás. Por todo iso, o conxunto local saíu concentrado e cun altísimo ritmo de xogo e aínda que foi un partido sufrido ata os minutos finais, os de Xiria foron dominadores do xogo ao longo dos sesenta minutos.

A defensa e a portería dos verdinegros comezaron a un gran nivel e pronto as rendas de dous e tres goles a favor, víanse reflectidas no marcador. Incomprensiblemente e nos instantes finais deste primeiro período, o conxunto visitante poñeríase por diante e marcharíase aos vestiarios no tempo de descanso cun 13-14 ao seu favor. O Calvo Xiria estivera a un bo nivel na súa retagarda e o xogo no ataque posicional presentara un dominio e superioridade notable, pero onde os carballeses estiveran desacertados, foron nas situacións de lanzamento desde os seis metros, situacións claras con grandes espazos no ataque ou contraataques onde o porteiro de Carballo Dani Buño, agora nas filas do conxunto herculino, desbarataba unha e outra vez no que foi unha sobresainte actuación.
No segundo acto, a reacción do Calvo Xiria para voltear o resultado non se fixo esperar. O cambio da defensa 6:0 a 5:1 cunha maior profundidade defensiva no lateral esquerdo e central e posteriormente a defensa mixta sobre Pedro, deron os resultados esperados e os locais,  apoiados tamén nun alto ritmo de xogo e nun maior acerto cara a portaría rival, conseguirían poñerse por diante no encontro no minuto 44 ante un combativo OAR que non lle quería perder a cara ao partido. A partir de aquí e nos últimos quince minutos, o Calvo Xiria apertaría máis se cabe en tarefas defensivas, impoñendo un ritmo vertixinoso ao contraataque e rompendo o envite definitivamente cun 11-4 de parcial que fai posible que o conxunto carballés siga ocupando ese segundo posto da táboa clasificatoria.
Calvo Xiria: 30 (13+17). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (5), Gabriel Castiñeiras, Julián López, Brais Puñal (1), Pablo Iglesias (12),Miguel Suárez-Pumariega (3), Juan Carlos Rodríguez, Manuel Méndez (2), Jorge Bouzas (3), Alejandro Calvete (2), Sergio Facal Fariña, Chimpo (2).

OAR Coruña: 23 (14+9). Víctor Couceiro (3), Daniel Angériz (2), Yoel García (1), Roberto Casero (p), Manuel López, Daniel Buño (p), Pedro Iglesias (7), Miguel Novo (4), Diego Martínez (5), Daniel Picado, Alejandro Naya (p), Mario Crecente, Eduardo Cousillas (1) .

Parciais cada 5´: 2-1/5-4/9-6/11-9/11-11/13-14/Descanso/14-15/17-17/19-19/22-20/26-22/30-23/Final.  

Colexiados: Adrián Rodríguez e Francisco Fernández. Correctos.

Incidencias: 19ª xornada do campionato da 1ª nacional masculina celebrada no pavillón Vila De Noia ante trescentos cincoenta seareiros.

 

  • Copiar