CalvoXiria-2

O Calvo Xiria viaxa a Santoña en busca do ascenso

O Calvo Xiria partirá mañá ás 08:00 h cara á localidade cántabra de Santoña. Os bergantiñáns disputarán a súa quinta fase de ascenso (terceira consecutiva) contra o anfitrión ACV. BM. Santoña, o Eldense de Alacante e o Cajasur de Cordoba, todos eles rivais de enorme entidade. De calquera forma, os verdinegros viaxan coa maior das aspiracións e co firme propósito de conseguir o ansiado ascenso a DHP.

O equipo afronta os últimos adestramentos antes do primeiro partido, que será precisamente contra o club locatario o Venres ás 20:30. Mañá Xoves, os de Xiria xa se adestrarán no pavillón onde se disputará a fase e hoxe levarán a cabo a última sesión no Vila De Noia antes de partir cara a terras cántabras.

O conxunto de Carballo é consciente do potencial dos seus rivais, pero tamén de que se logra alcanzar o seu máximo nivel durante os tres días de competición, o primeiro posto é unha posibilidade real. Para iso, o Calvo Xiria trazou un plan baseado en reforzar o seu modelo de xogo para afrontar esta gran cita coas máximas esperanzas e determinación.

Os partidos que disputará o Calvo Xiria e que se poderán ver en streaming na páxina da RFEBM, serán nos seguintes días e horarios:

  • Venres 18 20:30h: ACV.BM. Santoña vs Calvo Xiria
  • Sábado 19 20:30h: Cajasur Cordoba De Balonmano vs Calvo Xiria
  • Domingo 20 10:30: Calvo Xiria vs BM. Elda CE. Eldense

Todos os xogadores estarán dispoñibles para desprazarse a Santoña e competir pola que sería unha xesta histórica para as E. BM.Xiria.