O Goldie Xiria deixa escapar dous puntos en Vigo

Viaxaba o Goldie Xiria a Vigo para enfrontarse ao BM. Carballal na quinta xornada da fase de permanencia da competición ligueira. As carballesas comezaban ben, cunha defensa difícil de superar polo seu rival e facendo dano no contraataque. No posicional, o Goldie xogaba o balón con criterio, dando continuidade á pelota e conseguindo espazos efectivos para os lanzamentos. O balón chegaba dun lado a outro con velocidade e, tanto Raquel como Adriana, mostraban a súa efectividade nun e outro extremo. As locais, que nunca se deron por vencidas, só foron capaces de poñerse unha vez por diante neste período, aínda que lles durou ben pouco, xa que as bergantiñás reaccionarían para irse ao descanso dominando por un axustado 12-13. Pouco cambiarían as cousas nos inicios do segundo tempo, as de Carballo comezaba marcando e as olívicas a remolque, aínda que sempre mostrando un carácter competitivo notable. O Goldie Xiria chegou a gozar dunha cómoda vantaxe de até catro goles, pero no tramo final do partido, as ideas das de Carballo sufriron un curtocircuíto importante. O xogo colectivo que se levou a cabo e que dera bos resultados, daba paso agora a un momento onde as individualidades e as precipitacións apoderábanse da 1ª liña verdinegra. En apenas dous minutos, as diferenzas desaparecían e as locais colocábanse un gol por diante. Era a segunda vez que o Carballal tomaba a dianteira no marcador, pero esta vez sería a definitiva. As carballesas entraran en bucle e noutros dous minutos cedían un 3-0 de parcial para sucumbir por un 26-22 que lles arrebata a posibilidade de sumar dous novos puntos.

A.D Carballal: 26 (12+14). Laura Costas, Uxía Alonso (1), Tamara Gil (4), Alba Rodríguez (3), Patricia Vila (3), Carla Soto (3), Carla Caride (6), Andrea García (2), Sara Villareal (3), Paula Sánchez, Irene Mallo (1), Sandra López.

Goldie Xiria: 22 (13+9). Brenda Noya (p), Andrea Pose (p), Sara Pombo, Juana Garrochena (8), Alba Rodríguez (1), Diana Rodríguez, Tamara Pombo (1), Saray Couto, Uxía Pazos, Raquel Gómez (4), Sheila Ferreiro, Zeltis Landeira (3), Elena Segade, Adriana Groba (5).

Colexiado: José Angel Rodríguez. Moi desacertado. Non influíu no resultado final.