O Goldie Xiria perde ante un Culleredo con máis fondo de armario

Primeiro partido de eliminatoria da fase de ascenso a primeira autonómica; e as xogadoras do Goldie Xiria mostráronse, ante o seu público, orgullosas do equipo que son, e loitadoras ata o final a pesar das circunstancias, que en forma de lesión, chegaron ao longo dos 60 minutos. As pivotes Sheila e Natalia non puideron acabar o encontro e son seria dúbida de fronte ao partido de volta. Dúas xogadoras moi importantes no bloque defensivo carballés, que farán o posible por recuperarse e volver loitar con todas as súas compañeiras no 40×20.
Un partido con estratexias diferentes na parcela defensiva. O Goldie expuxo un 5:1 con Sheila no avanzado e o Bm Culleredo unha 6:0 compacta. Empezaba de maneira igualada para os dous conxuntos, minutos cun ritmo alto, en que as rivais medíanse e asentábanse no encontro. Mediada a primeira parte, o 5:1 deixaba de funcionar e o Culleredo conseguía unha vantaxe de ata 6 goles que cortaría o Goldie cos cambios efectuados tras un tempo morto. Ao descanso chegábase con 9 a 13.
Na segunda metade, tras uns minutos bos das do Goldie que nos convidaban a soñar coa remontada, viría un baixón físico que aproveitaría o Bm Culleredo para irse ata os 10 goles de diferenza. Pero o orgullo destas bergantiñás é moi grande; e loitarían ata o último minuto para deixar o marcador en 19 a 27.
O vindeiro sábado, xogarase o partido de volta en Culleredo.

Incidencias: Partido disputado no pavillón Vila De Noia ante uns 150 seareiros de ambos conxuntos que estiveron moi animados. Colexiado: Julio López e Rafael Iglesias do colexio galego. Excluíu a Támara Pombo (2), Jessica Posse e Natalia Solis (2) por parte do Goldie Xiria, namentres polas visitantes foi exluída Cristina Caamaño.

GOLDIE XIRIA 19 ( 9 + 10 ): Nadia Vázquez [p], Sara Pose [p], Juana Garrochena (4), Alba Rodríguez (1), Natalia Solís, Soraya Martínez, Támara Pombo (2), Jessica Posse (4), Saray Couto, Elena Segade (6), Sheila Ferreiro (2), Sandra Santos.

Bm CULLEREDO 27 ( 13 + 14 ): Olalla Fernández [p], Paula Mosquera [p], Paula Cid, Cristina Barreiro (6), Aida Vizcaino (5), Mina Ribullen (1), Mariña Rodríguez (3), Cristina Caamaño, Laura Rodríguez (8), Marta Januario (2), Fátima Campaña, Nerea Romaus, Mar Garrido (2), Carla Santiago, Elba Pérez.