Partidazo no Vila de Noia e dous puntos para o Calvo Xiria

Non defraudou o encontro entre o Calvo Xiria e o Bm Lalín. Rivalidade, igualdade, emoción e por enriba de todo un duelo con moita calidade no xogo, con accións que fixeron levantar ao público presente. Porque si na pista houbo un gran espectáculo non foi menos nas bancadas do Vila de Noia, ateigadas de seareiros carballeses e dun bo grupo de lalinenses que apoiaron a cadanseu equipo sempre dende a máxima deportividade.

O partido comezou cun Lalín máis acertado de cara ao gol o que lle deu as primeiras vantaxes, pero non tardou moito o Calvo Xiria en tomar a iniciativa, foi no minuto sete de partido. Dende ese intre o partido estivo moi igualado, mais sempre da man dos carballeses, que dispuxeron en varias ocasións de tres, e até catro, goles de vantaxe. Pero os do Deza non deixaron de loitar en ningún momento e os puntos quedaron en Carballo non sen moito traballo e entrega por parte de todos e cada un dos xogadores locais. O apromo nos minutos finais, confiando totalmente no seu xogo, foi o factor fundamental para rematar o traballo de todo un partido e transformalo nunha vitoria moi importante. Pero máis importante será que a imaxe que transmitiu hoxe o Calvo Xiria se manteña no que resta de tempada, para loitar por se clasificar para a fase de ascenso.

Incidencias: partido disputado no Pavillón Municipal Vila de Noia ante preto de 500 seareiros. Colexiados: Enrique Javier Romero Cruz e José Alberto Romero Cruz do colexio andaluz. Castigaron con exclusión polo Calvo Xiria a Brais Puñal (22´), Hugo Rodríguez (48´), namentres polo Embutidos Lalinense Bm. Lalín  foron sancionados Roberto Álvarez (15´, 38´), Aser Pereira (24´, 41´). 7 metros: Calvo Xiria 1//1    Embutidos Lalinense Bm. Lalín  2//3. Marcador cada 5 minutos: 2-2, 6-6, 10-7, 12-9, 13-11, 13-13 descanso, 16-15, 19-16, 20-19, 22-22, 24-23, 28-25.

CALVO XIRIA 28 (13+15): Santiago Gómez [p], Martín Gómez [p], Brais Puñal, Pablo Iglesias (6), Uxío Batán, Sergio Facal (4), Gonzalo Pombo, Alejandro Calvete (1), Javier Rodríguez, Julián López (2), Hugo Rodríguez (5), Martín Alfeirán (4), Jorge Bouzas (1), Manuel Méndez (1), Miguel Suárez-Pumariega, Carlos Vilanova (4).

EMBUTIDOS LALINENSE BM. LALÍN 25 (13+12): Carlos Durán [p], Pablo Pedreira [p], Iago González [p], Ramón Gil (4), Gustavo Lázara (3), Adrián Crespo, Lucas Enríquez, Aser Pereira, Martín Iglesias (4), Bruno Fernández (2), Óscar Gil, Duarte Batán (3), Alexandre Dacosta (6), Roberto Álvarez (3), Adrián Losón.