Primeira derrota do Calvo Xiria en liga

Onte Sábado celebrábase o primeiro derbi da tempada para o Calvo Xiria. O conxunto de Carballo desprazábase a Coruña para enfrontarse ao OAR no pavillón San Francisco Javier. Despois da boa segunda parte ante o Teucro na primeira xornada e o magnífico partido da segunda ante o Octavio, os bergantiñáns baixaran as súas prestacións o pasado fin de semana ante o Lavadores e aínda que o encontro conseguíano igualar os olívicos nos últimos segundos, cando os dous puntos estaban en mans dos verdinegros, o envite xa dera mostras dun Calvo Xiria irregular. Coma se dunha continuación daquilo tratásese, o conxunto de Carballo tardou dez minutos en entrar no derbi deste Sábado e o seu rival, moito máis metido na faena, aproveitaba a circunstancia para adiantarse cun cómodo 4-1. A retagarda e a portería do Calvo sufrían os lanzamentos exteriores de Diego e Pedro, pero aínda así, este equipo, que tantas veces mostrou o seu carácter competitivo e o seu orgullo como colectivo, conseguía igualar o marcador a dez goles cun 0-4 de parcial. Pablo tivo un penalti a favor para poñer aos carballeses por diante, pero o porteiro local, inmenso durante todo o encontro, atallaba o intento e na seguinte acción os seus volvían poñerse por diante. Os oaristas marchábanse ao descanso dominando o partido por 14-12 e o Xiria tiña marxe de mellora no seguintes trinta minutos.

Tentárono os verdinegros por todas as vías posibles; cambiaron o seu 5:1 inicial a 6:0, traballaron a mixta a Pedro e ata unha defensa máis profunda sobre este e Diego, pero os coruñeses, tremendamente lúcidos no día de onte, superaron unha e outra vez os intentos do seu rival por poñer freo ás acometidas locais. Na outra portería e cando o Calvo Xiria albiscaba a posibilidade de achegarse no electrónico, Roberto convertíase nun muro inexpugnable que poñía fin a calquera indicio de remontada.

Para a semana o Calvo Xiria volverá desprazarse fóra de casa. O vindeiro domingo en Vigo enfrontarase ao Seis Do Nadal nunha pista realmente complicada, coa intención de levar os dous puntos e sobre todo de recuperar as boas sensacións no xogo. Para iso faise vital volver plasmar o gran nivel defensivo mostrado nos últimos anos e no inicio desta tempada.

OAR: 30 (14+16). Gabriel De Melo, Guillermo Vega, Víctor Couceiro (11), Daniel Angeriz (2), Yoel García (2), Roberto Casero (p), Manuel López, Dani Buño (p), Pedro Iglesias (5), Miguel Novo (2), Diego Martínez (8), Daniel Picado, Alex Naya (p), Mario Crecente, Eduado José Cousillas.

Calvo Xiria: 27 (12+15). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (4), Jorge Bouzas (6), Brais Puñal (1), Sergio Facal (1), Miguel Suárez-Pumariega, Chimpo (5), Gabriel Castiñeiras (1), Juan Carlos Rodríguez (4), Pablo Iglesias (3), Manuel Méndez (2), Andrés Vila, Fran Rey, Alejandro Calvete.

Parciais 5´: 3-1/6-2/8-5/9-8/11-10/14-12/Descanso/16-15/20-17/24-19/25-22/28-24/30-27/Final.

Colexiados: Aaron Sestay e Pedro Eiras. Sen complicacións.

Incidencias: Encontro da 4ª xornada de 1ª nacional celebrado no pavillón San Francisco Javier da Coruña. Un centenar de seareiros desprazaronse dende Carballo para seguir o encontro.