Recepción aos rapaces das Escolas Balonmán Xiria que participaron no Campionato de España de Seleccións

Catro rapaces de Escolas Balonmán Xiria representaron a Galicia no Campionato de España de Seleccións Autonómicas, os infantís Mario Cancela e Juan Pereira, e os xuvenís Juan Carlos Rodríguez e Andrés Vila. Os infantís clasificáronse primeiros de grupo con dúas vitorias, no cruce de cuartos perderon coa Comunidade Valenciana (finalmente campiona) e gañaron a Euskadi e Navarra para rematar a competición como 5º clasificados. Os xuvenís clasificáronse terceiros de grupo cunha vitoria, no cruce de cuartos gañaron a Navarra e en semifinais a Andalucía. Finalmente trouxeron a Medalla de Prata, ao perder na final cos anfitrións, Cataluña. Juan Carlos foi elixido como lateral esquerdo no 7 ideal do campionato e tamén se fixo co galardón ao mellor gol do campionato.

Como carballeses sentímonos satisfeitos co seu traballo e polos resultados obtidos, e por iso hoxe recibiron o recoñecemento da vila carballesa da man do seu Alcalde, Evencio Ferrero, e do Concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, quen os recibiu na alcaldía e os invitou a asinar no Libro de Honra do Concello de Carballo. Os rapaces trouxeron consigo os galardóns recibidos e amosáronllos ao alcalde e ao concelleiro de deportes.

Dende o club recollemos as súas palabras dos xogadores neste acto:

Cando lles preguntamos o que supuxo este campionato para eles, o mais “veterano” Juanca dixo que “o 70 % dos xogadores cos que competimos serán os que veremos nos vindeiros anos na Liga ASOBAL”. Andrés salientou o bo ambiente vivido e o grande nivel da xente coa que adestraban. Tamén indicou que “o sistema de competición nos favoreceu, xa que fomos de menos a máis e gañamos os partidos importantes”. Os infantís dixeron que estaban alucinados, non tiñan palabras.

Pedímoslles aos maiores que lles deran un consello aos mais novos e Juan Carlos indicoulles “ que non se sentiran defraudados polo resultado, que era un logro moi importante estar alí, e que seguiran traballando, que con traballo e esforzo os desequilibrios recortanse, e cando cheguen a xuvenís a igualdade é máxima, sobre todo a nivel físico” Tamén animou a Andrés a continuar coa selección indicándolle que “que bonito vai ser xogar ese campionato na casa”, en alusión a que na vindeira campaña o Campionato de España se celebrará en Galicia.

Preguntáronlle tamén se recordaban como comezaron a xogar ao balonmán. Aí os pequenos soltaron un pouco a vergoña e así Juan Pereira indicou “eu so recordo o partido que xoguei no Handbal Festival do ano pasado”. Logo fixo memoria e recordou que se iniciou no que hoxe é o ximnasio do pavillón Vila de Noia. Mario indicou “cando eu comecei Juan xa estaba e fun por que me gustaba o deporte e os meus compañeiros do colexio ían a balonmán e tamén me apuntei”. Juanca indicou que levaba dende os 6 anos e que comezou con Juan Ramón. Todos a un tempo recordaron que comezaran con Juan Ramón, ben no ximnasio do colexio Fogar esquivando columnas ou ben no do pavillón.

P1030500

P1030501

P1030504

P1030506

P1030507

P1030511

P1030512

P1030513

P1030514