portada Fase

Segunda praza para o Grupo Lemaco na Fase Final en Vigo

O  Grupo Lemaco acadou a segunda praza na Fase Final disputada esta fin de semana en Vigo, tras perder o derradeiro día co equipo local Balonmán Carballal, logo de vencer o venres ao Balonmán Luceros e o sábado ao Pabellón Ourense, deste xeito o Balonmán Carballal clasifícase para a disputa do Campionato de España deixando fora ao equipo carballés.

Bo nivel o amosado polo Grupo Lemaco esta fin de semana en Vigo, indo cada día de menos a máis, ata o derradeiro encontro onde dou a impresión de que podía vencer ao seu rival, a pesares de que acabase cedendo na recta final do partido.

Grupo Lemaco Xiria 30 – Balonmán Luceros 28

Partido inaugural da Fase, no que ambos equipos saíron con moitos nervios. Moi duros en defensa os cangueses coñecedores do potencial de lanzamento do Xiria, contactando en cada acción dos primeiras liñas do Grupo Lemaco, aos xogadores carballeses pesoulles nestes primeiros minutos a ansiedade por facerse rápido co partido, caendo na precipitacións no ataque e desarborando o centro da defensa. Foise incrementando o ritmo e velocidade do encontro co transcorrer dos minutos, e aí o Xiria tivo a oportunidade de afianzase no marcador, dominando o tramo final e facéndose coa importante vitoria.

Grupo Lemaco Xiria 40 – Pabellón Ourense 25

Superado o primeiro escollo, na tarde do sábado o rival pasou a ser o Pabellón Ourense, que caera derrotado polo Carballal na primeira xornada. Bo balonmán o que se veu no Pavillón do Loureiro entre dous equipos que moveron o balón con ideas e precisión pero que deixaron un pouco descoidadas as facetas defensivas. O Pabellón Ourense aguantou os primeiros 30 minutos e logo foi acusando a subida de nivel defensivo do Xiria na segunda metade, que con maior intensidade e presión na circulación do balón, foi acadando ocasións para saír a contraataque  e transformar en gol.

Balonmán Carballal 37 -Grupo Lemaco Xiria 30

Con dúas vitorias cada un, chegaban ambos equipos ao encontro da derradeira xornada en onde se ían pelexar pola clasificación para o Campionato de España . Dous conxuntos ben coñecedores dos seus adversarios, dos puntos fortes e débiles, e que ían a xogar o partido máis importante da tempada.

Saíron ambos equipos fortes, apremando en defensa, mobilidade de balón sen perdas e intervencións de ambas porterías. O choque presentábase igualado, o Grupo Lemaco, era capaz de frear o ataque do Carballal, cerrando  perfectamente o centro da súa defensa onde cos pasos dos minutos se facía máis forte, dúas decisións desacertadas dos colexiados, en dúas xogadas idénticas polo exterior da defensa onde os extremos do Carballal lanzaron coa parada do porteiro carballés sen que houbera ningún contacto, foron sinaladas polos colexiados como setes metros e exclusión, deixando ao Xiria en inferioridade na recta final da primeira metade, algo que aproveitou o equipo vigués xunto coa precipitación dos ataques do Grupo Lemaco que se atopou coa portería rival, para irse no marcador ao descanso de 6 goles. Un marcador de 19 a 13 esaxerado para o que demostraron ambos equipos nesta primeira metade.

Conscientes da diferenza no marcador, non quedaba outra que apremar en defensa e imprimir maior ritmo e continuidade no ataque. Saíu con todo e motivado o Grupo Lemaco, sabedor de que podía volver a meterse no encontro, conseguindo lanzar e transformar dende todas as posicións e volvendo a facerse forte en defensa. Chegado o minuto 48 o Xiria dispuxo de dous ataque para achegarse a un gol, o 27 a 25 reinaba no marcador e a remontada víase factible, pero recuperou sensacións no ataque o Carballal demostrando saber xogar este tipo de partidos con presión e arroupado polo seu público, e o Xiria volveu a atoparse co porteiro local, un pesadelo  para os tres equipo  rivais nesta fase. Os vigueses incrementaron distancias segundo se esgotaban os minutos, o Grupo Lemaco optou por apremar coas liñas defensivas máis arriba, algo que non funcionou e serviu para que o rival colocase ese marcador final de 37 a 30

Gran Fase Final disputada polos xogadores carballeses que volven a estar entre os tres mellores equipos de Galicia, a seguir traballando para que Escolas Balonmán Xiria represente a Carballo no máis alto do balonmán galego.