Unha vitoria e unha derrota para Marmolería J. Rey este fin de semana

O Marmolería J. Rey Xiria, disputaba este fin de semana dous partidos, o aprazado no seu día contra E.M. Abegondo e o correspondente a esta xornada contra o BM. Pontedeume. O primeiro, disputado o Venres en campo do conxunto de Abegondo, saldaríase con vitoria dos de Carballo por un resultado de 23-28 e o segundo, xogado o Sábado no Vila De Noia, decidiríase por un axustado 27-29 a favor dos de Pontedeume. Foron dous partidos moi igualados e que non se resolveron ata os instantes finais. No primeiro, os mozos de Carballo mantivéronse desde o inicio e ata o final por diante no marcador, aínda que a diferenza no electrónico era tan curta, que en ningún momento houbo lugar á relaxación. No segundo, sucedeu exactamente o mesmo, pero os que dominaron o marcador en todo momento foron os foraneos, que viron como os de Xiria remontaban perigosamente na segunda parte. O Marmolería J. Rey, sufriu ante os seus rivais no momento no que o seu defensa estivo especulativa e pouco activa e, do mesmo xeito, non conseguían ser eficaces no posicional cando a circulación do balón era deficitaria e o xogo individual primaba sobre o colectivo. Os bergantiñáns ampliaron as diferenzas contra as E.M Abegondo no momento no que a actividade defensiva cara ao balón cobrou vida, así apareceron as interceptacións e as finalizacións no contraataque. Da mesma maneira, o equipo mostrou moita máis solvencia no ataque posicional en canto os xogadores comezaron a desmarcarse e a recibir en movemento, facilitando a circulación da pelota e facendo moito menos previsibles as accións dos atacantes verdinegros. Estas mesmas situacións repetíronse no partido do Sábado pola mañá no Vila De Noia e, aínda que neste caso o resultado non foi favorecedor aos intereses do Xiria, hai que dicir que o xogo da segunda parte volveu mostrarnos a ese conxunto intenso en defensa e cun bo xogo colectivo no ataque, feitos que propiciaron que a punto estivese de conseguirse a remontada final ante un bo conxunto, o BM. Pontedeume.

Polo Marmolería J. Rey xogaron: Andrés García, Esteban Puñal, Alberto Suárez, Juanma Fajardo, Alex Puñal, Miguel Goimil, Pablo Esmorís, Javier Rodríguez, Darío Calviño, Marín Fuentes.