Velocidade e intensidade, claves na vitoria

Logo dalgún que outro erro en ataque, fíxose co control do partido o Calvo Xiria a partir do minuto quince da primeira parte, nun partido no que os carballeses foron de menos a máis e no que confirmaron a mellora no seu xogo, asemellándose moito máis ao equipo dos primeiros dez partidos de liga.

Partindo dunha defensa moi anticipativa e da aportación na portería, o Calvo fixo o partido que máis lle conviña ante un equipo que intentou marcar un ritmo pausado para evitar os contraataques locais, pero que se viu superado pola regularidade e equilibrio dos carballeses nas diferentes facetas do xogo. As primeiras imprecisións deixaron lugar a un movemento de balón moito máis fluído e ca profundidade necesaria para acadar opcións claras de lanzamento, que non desaproveitaron os xogadores verdinegros, conseguindo chegar ao tempo de lecer cun +6 que aclaraba bastante o panorama para os seus intereses. Aos dez minutos do segundo tempo, conseguiron dobrar a diferenza , e cun marcador de 23-11, rompíase de xeito definitivo o  encontro, deixando sen historia o derradeiro terzo, mais non caendo en ningún momento na relaxación.

A vindeira xornada o Calvo Xiria desprázase a Cangas para se medir ao Luceros, filial do Cangas de Asobal. Será o domingo ás 12:30 no Pavillón do Gatañal.

Incidencias: partido disputado no Pavillón Municipal Vila de Noia ante preto de 350 seareiros. Colexiados: Saúl Menéndez Rodríguez e Jorge Muras Rodríguez do colexio asturiano. Castigaron con exclusión polo Calvo Xiria a Brais Puñal (24´, 41´, 48´), Gonzalo Pombo (42´), Gabriel Castiñeiras (50´), namentres polo SAR Plastic Omnium foron sancionados Luis Orge (22´, 38´, 45´), Manuel Ferreira (32´, 34´), Antón Rey (55´). 7 metros: Calvo Xiria 2//4    SAR Plastic Omnium  2//4. Marcador cada 5 minutos: 2-2, 3-4, 5-4, 9-5, 12-6, 15-9, descanso, 18-10, 23-11, 25-11, 28-11, 30-14, 33-16.

CALVO XIRIA 33 (15+18): Santiago Gómez [p], Martín Gómez [p], Brais Puñal (1), Pablo Iglesias (2), Andrés Vila, Uxío Batán (2), Sergio Facal (1), Gonzalo Pombo, Alejandro Calvete (1), Javier Rodríguez (2), Julián López (5), Gabriel Castiñeiras, Hugo Rodríguez (3), Martín Alfeirán (8), Jorge Bouzas (8), Manuel Méndez.

SAR PLASTIC OMNIUM 16 (9+7): Marcos Colinas [p], Miguel Couñago [p], Juan Araújo (1), Yeray Soutullo (2), Pablo Orge, Diego Domínguez (2), Ricardo Domínguez, Antón Rey (6), Carlos Rey (3), Sergio Táboas, Iván Vázquez (1), Manuel Ferreira, David Chao (1), Luis Orge.