Viaxa a Cangas este domingo o Calvo Xiria

Comeza o definitivo terzo de competición para o Calvo Xiria na liga de 1ª Estatal, logo dunha notable mellora tras o parón de Nadal o conxunto carballés afronta estes dez partidos liderando a táboa clasificatoria ca intención de traballar partido a partido para seguir a mellorar no seu xogo. O primeiro dos mesmos será este domingo ás 12:30, na sempre difícil cancha do Gatañal, onde o agardo o Luceros, filial do conxunto de Asobal do Cangas. Moita calidade no seus xogadores, e por suposto, moita ambición para chegar á máxima categoría. Enganosa posición na táboa clasificatoria dos do Morrazo, que incrementan notablemente as súas prestacións na casa e ante o que o Calvo Xiria deberá amosar a máxima concentración para levarse os puntos en xogo. Evitar o contraataque dos locais e frear as situacións do 1×1 na primeira liña marcarán as opcións dos verdinegros no partido, que deberán seguir a incrementar a velocidade na súa circulación de balón, e por suposto, a eficacia de cara á portería contraria.

O sábado no Vila de Noia ás 17:30, o Goldie Xiria retoma a competición despois da xornada de descanso do pasado fin de semana. O rival será o BM. Tui, un conxunto que foi capaz de gañar ás carballesas nos dous encontros da primeira fase e ante as cales, estas desexan conseguir a segunda vitoria desta segunda parte da competición.

A División de Honra entra no tramo final, quedan catro partidos, con todo por decidir. Os equipos carballeses viaxan a Pontevedra para xogar no CGTD ante o Cisne. Os primeiros en comparecer, ás 09:45, serán os cadetes do Grupo Lemaco que terán un difícil reto ante un dos equipos máis en forma da categoría e no que deberán de amosar moita solidez para loitar polos puntos en xogo.

Ás 11:15 saltarán a cancha o equipo xuvenil. O Laber Xiria disputa ante o potente BM. Cisne o seu partido. Un Cisne que está situado a só dous puntos dos bergantiñáns, pero cun partido menos. A empresa será, a recado, complexa, pero o conxunto verdinegro espera recuperar a todos os xogadores lesionados e afrontar coas mellores garantías este importante encontro co obxectivo de levar os dous puntos.

E pechará a cita o Garaysa Xiria ás 12:45.Na ida, o choque foi dunha clara cor verdinegro, logo de un gran partido; baseando o xogo nunha gran defensa que lles permitiu marcar diferenzas desde o inicio. Está vez, as tarefas defensivas seguirán sendo parte fundamental do seu xogo; unido a rápidas transicións no contraataque onde o protagonista principal sexa a velocidade do balón.

O domingo, o Marmolería José Rey Xiria xogará en Carballo ás 11:00, no pavillón Vila de Noia, contra o Bm Lucus, partido aprazado da xornada 10. Recuperando a case todos os seus efectivos; soamente contará coa baixa de Esteban Puñal, lesionado no último partido cunha escordadura de nocello.