Vitoria do Calvo Xiria ante un Luceros con baixas

Disputábase onte a terceira xornada da 1ª división Nacional de balonmán e o Calvo Xiria volvía exercer de local ante o Luceros, coa necesidade de sacar os dous puntos en xogo. O filial do Frigoríficos do Morrazo de Asobal, acudía ao Vila de Noia con baixas importantes e un plan trazado para frear a velocidade no xogo dos locais.

O encontro comezaba moi frío por parte dos de Carballo, que daban moitas facilidades aos lanzamentos exteriores de Pousa e Veloso. A defensa carecía de intensidade competitiva e de profundidade e cada ataque do rival convertíase en gol. Pola contra, o ataque do conxunto verdinegro funcionaba relativamente ben, o traballo de cruces na primeira liña daba bos resultados, cun Gabriel Castiñeiras entoado no lanzamento durante o primeiro acto.

Os do Morrazo impoñían un ritmo lento, pausado, buscando ataques longos que non levasen o envite a unha marcha máis que puidese favorecer o xogo local. O Calvo Xiria entraba en letargo e veríase contaxiado por este ritmo apagado que ao cabo prexudicaría o seu plan de xogo. Aínda así, dentro do primeiros trinta minutos, puidéronse ver algunhas accións exitosas na primeira e segunda onda carballesa, de novo con Gabriel como protagonista. O maior potencial dos bergantiñáns resolvería o primeiro acto cun marcador cómodo de 13-8, aínda que as sensacións no xogo eran ben distintas.

Se no primeiro tempo o balonmán despregado por ambos os conxuntos non foi excelso, no segundo, a cousa empeoraría. As accións anárquicas impoñíanse ás colectivas e, nos primeiros instantes, os erros de lanzamento e os porteiros perfilábanse como protagonistas durante seis minutos de tolemia. O Calvo Xiria tivo na súa man romper definitivamente o encontro, pero os faios ante o porteiro visitante, acabaron por dar opcións aos do Morrazo para achegarse no electrónico. Reaccionaron os bergantiñáns cando o seu rival situábase a tres goles e volvían poñer terra polo medio ata os seis goles de diferenza, que se manterían ata o final do encontro. Dous novos puntos que manteñen aos de Xiria como invictos e mirando cara aos postos máis altos da clasificación nestes inicios de liga.

A semana que vén, o Calvo Xiria afrontará o primeiro derbi da tempada. Será o Venres festivo ás 18:30 h en Ou Areal de Camariñas. Os de Carballo deberán de ofrecer a súa mellor versión ante un conxunto que busca estrear a súa marcadora e que sempre se mostran sobresalientes en canto ao seu xogo e o seu carácter competitivo.

Calvo Xiria: 25 (13+12). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (3), Gabriel Castiñeiras (5),  Julián López, Brais Puñal (2), Pablo Iglesias (5), Chimpo (2), Enrique Pena (2), Juan Carlos Rodríguez, Manuel Méndez (1), Jorge Bouzas (5), Alejando Calvete, Iván Amarelle.

Luceros: 19 (8+11). David Lemos, Eloy Villanueva, Carlos Veloso (3), Erik Dasilva, Pedro Parcero (1), Yeray Simes, David Veloso (4), Pedro Cerqueira, Angel Rodríguez (4), Eloy Molanes (1), Miguel Pousa (5), Pablo Castro, Adrián Pérez, David Fonseca (1), José Camiña.

Parciais cada 5´: 2-2 / 5-4/ 6-7/ 9-7/ 11-7/ 13-8/Descanso/13-8/ 15-10/ 17-11/ 18-14/ 21-15/ 25-19. Final

Colexiados: Saul Menéndez, Jorge Múras. Non influiron no resultado final.

Incidencias: Encontro da 3ª xornada da 1ª nacional celebrado nun Vila de Noia con boa afluencia de público.