DSCN0216

Vitoria para o Goldie Xiria no derbi provincial.

A xornada 4 da competición autonómica feminina, deparaba un derbi emocionante e intenso, como non podía ser doutra maneira, entre o Goldie Xiria e o Encaixe Camariñas Conservas Boya, en Carballo.
As carballesas impoñíanse nun duro encontro, que o Camariñas disputou desde o quecemento; xogando co tempo do partido tanto fora como dentro da pista.
Así o partido empezaría 15 minutos máis tarde xa que as visitantes non saían de vestiarios. A igualdade desde o inicio era máxima, cun Goldie que trataba de subir o ritmo ao partido e un Camariñas que controlaba o tempo de xogo ao seu antollo. Con empate a catro no marcador; as carballesas aumentaron a presión defensiva e impuxeron un parcial de 4 a 0; máxima diferenza; que o adestrador visitante resolvería cun tempo morto freando así o bo ritmo do Goldie.
Podíanse ver dous estilos de xogo diferentes; o Goldie trataba de facer transicións rápidas e o Camariñas alongaba os seus ataques ata o bordo do pasivo. Á saída do tempo morto, as do Goldie caerían nas redes visitantes que lograrían empatar antes de chegar ao descanso, 12 a 12.
Un descanso que durou en demasía, xa que unha vez máis as visitantes facíanse de rogar á hora de saír de vestiarios.

O encontro seguiría polos mesmos camiños nos segundos 30 minutos. Con diferenzas mínimas para un e outro equipo, cun xogo basto pero intenso, mantivo as opcións de vitoria para os dous equipos onde a actuación arbitral, permitía ás de Camariñas, entorpecer o partido a cada pouco. Castigando en exceso ás de Carballo con 5 exclusións todas na segunda parte; por dúas exclusións das visitantes.
Pero nun derbi; ninguén quere perder, e así chegabamos ao minuto 55 con empate a 21 e todo por decidir. Nese momento, a presión era máxima e as xogadoras do Goldie demostraron saber xogar este tipo de partidos. Puxéronse o mono de traballo, e conseguiron facerse cos dous puntos.
A seguinte semana, as xogadoras do Goldie Xiria viaxan ata Redondela para enfrontarse á SAR. Equipo cun historial nas competicións femininas máis amplo que as de Carballo, pero que viaxan con toda a intención de facerse con dous puntos en xogo; seguindo coa liña das últimas semanas.
Incidencias: Partido disputado no pavillón Vila de Noia de Carballo ante uns 150 seareiros, que arrouparon ao Goldie Xiria durante o transcurso do partido. Tamén se fixeron notar un pequeno grupo de Camariñans. Colexiado: Pedro Bermúdez do colexio galego.

GOLDIE XIRIA 23 ( 12 + 11 ): Sara Pose [p], Nadia Vázquez [p], Juana Garrochena (5), Alba Rodríguez (1), Támara Pombo (3), Natalia Solís, Jessica Posse, Saray Couto, Soraya Martínez, Sandra Santos, Elena Segade (4), Sheila Ferreiro (1), Raquel Gómez (4), Zeltia Landeira (5).

ENCAIXE CAMARIÑAS CONSERVAS BOYA 21 ( 12 + 9 ): Ángela Moreira, Paula Pérez, Ana Barreiro, Ana Canosa, Cristina Blanco, Isabel Baña, Nerea López, María Oanes, Thiam Maimouna, Támara Cabrejo, Minia Calvo, Leticia Álvarez, Laura Castro, Águeda Antelo, Marta Canosa.