LUCAS

Volve a liga dos prebenxamíns nesta xornada

Unha vez conseguido o principal obxectivo da fase de ascenso o fin de semana pasado fronte ao Lalínense, o Calvo Xiria afronta as últimas catro xornadas de liga coa ambición de poder alcanzar o primeiro posto que agora ocupa o Acanor ATL. Novás e sobre todo, coa idea de que todos e cada un dos encontros sirvan como preparación e posta en forma para esa fase final a DHB.

Este fin de semana, os carballeses viaxan a Bueu para enfrontarse o Sábado ás 19:00 no pavillón Pablo Herbello ao conxunto da localidade. Será unha moi boa pedra de toque para iniciar esa preparación, xa que o Bueu Atl BM, vense mostrando no seu feudo como un equipo moi difícil de bater e capaz de presentar batalla fronte aos conxuntos máis fortes da categoría. Con todos os efectivos dispoñibles, o Calvo Xiria deberá de presentar as súas características no xogo ante os buenenses, onde a intensidade defensiva e a velocidade no xogo preséntanse unha vez máis como argumentos innegociables para conseguir os dous puntos en disputa.

Os equipos de División de Honra, disputarán tamén o Sábado e moi preto dos maiores, a segunda xornada de Copa. Concretamente, o Garaysa infantil, o Grupo Lemaco Cadete e o Laber xuvenil, viaxan a Cangas para enfrontarse a unha das mellores canteiras galegas en O Gatañal. Os partidos serán ás 10:00, 12:45 e 11:15 respectivamente e os conxuntos carballeses, que iniciaron moi ben a competición con tres vitorias noutros tantos encontros, desexan aplicarse a fondo para repetir a xesta e lograr a vitoria fronte a uns rivais tan poderosos.

Xa en 2ª División, as rapazas infantís do Punta Del Este, xogarán o Domingo fronte a Ribadosar de Santiago as 10:00h no pavillón do CEIP Fogar. O equipo de Carballo, afronta este partido de Copa con moitas ganas de resarcirse do resultado da fase final do fin de semana pasado en Vigo e coa idea de plasmar o gran xogo que as levou a ser campioas provinciais.

O outro conxunto infantil feminino, o Garaysa Xiria, recibe o Sábado ás 12:30 h no CEIP Fogar ao conxunto de Arteixo, un dos galos da competición e que tamén participou na fase final anteriormente mencionada.

Xa en masculino e tamén na segunda categoría, os infantís do Marmolería J. Rey reciben ao Ribadosar o Domingo ás 11:15 h no CEIP Fogar e o Hierros Varela Urbieta cadete, ao Atl. Novás no mesmo escenario pero ás 12:30. A recado, dous encontros complicados da Copa Federación, onde os de Xiria poden conseguir os dous puntos se están ao seu mellor nivel.

Tamén o Sábado, pero na categoría alevín, os dous equipos de Metalúrgica BB disputan a cuarta xornada de BM7, onde o Metalúrgica BB Xiria A recibe ás 10:00 h ao BM. Pontedeume e o Metalúrgica BB Xiria B, fai o propio co Cátering Imos Arteixo ás 11:15 h. Os dous partidos disputaranse no pavillón do CEIP Fogar e ambos os conxuntos do Xiria, que contan con varias baixas por diferntes motivos para estes partidos, tentarán seguir na senda que marcaron ata o momento, onde aínda non coñecen a derrota.

Por último, a segunda xornada dos máis pequenos, a liga prebenxamín, disputaráse na  matinal do Sábado e terá como escenario o pavillón do Areal de Camariñas con estes horarios:

Liga Prebenxamín, x.2, sábado 14/04, pav. O Areal, Camariñas
– Bm Culleredo – Xiria B, 10:00
– Líceo Blanco – Xiria C , 10:30
– Líceo Verde – Xiria C, 11.10
– Abegondo B – Xiria A, 12:50
– Líceo Verdiblanco – Xiria B, 12:50
– Xiria A – Líceo Verde, 13.30