Volve o mellor balonmán ao Vila De Noia

Este próximo Sábado, o Calvo Xiria e o ATL. Acanor Novás enfrontaranse nun duelo de altos voos no Vila De Noia. O subcampión e campión respectivamente do grupo A de a 1ª nacional na tempada pasada, competirán a estas alturas de pretemporada por facerse cun oco na fase final da Copa Galicia, precisamente a celebrar na Roseira o próximo 1 e 2 de Setembro.

O encontro levarase a cabo no marco de preparación para ambos os conxuntos, cun equipo, o Rosaleiro, moito máis rodado e con máis partidos ás súas costas, mentres que os de Carballo afrontan este, o seu segundo partido de pretemporada, con dez sesións de preparación. Con esta presentación e polo seu maior potencial, parece que o conxunto de categoría superior móstrase como claro favorito, pero o Calvo Xiria e o seu sempre xene competitivo, seguro que quererá dar unha boa imaxe ante a súa afección.

Para os carballeses, o partido será un paso máis na súa preparación de fronte ao comezo de liga, buscando aos poucos ir asimilando conceptos tácticos e afinar no plano físico. Neste sentido, os cambios e as rotacións serán unha constante ao longo dos sesenta minutos, para que todos os efectivos vaian acumulando a súa carga de traballo.

O cadro verdinegro non poderá presentar a todas as novas incorporacións ante a súa afección, xa que algúns xogadores arrastran algunhas doenzas ou lesións que lles manteñen estes días apartados do 40×20. Así é que Cuco será baixa para este partido por unha rotura no xemelgo, do mesmo xeito que Santi Oreiro, recentemente ascendido ao primeiro persoal desde o equipo xuvenil e que estará convalecente dez días por unha cirurxía dental. De igual maneira, serán dúbidas ata última hora Carlos García e Chimpo, que vén arrastrando diferentes molestias ao longo da semana. Iago Franco pola súa banda, que aínda non adestrou co equipo, acudirá ao encontro recentemente chegado dunhas vacacións familiares, co que é previsible que non conte con moitos minutos neste esixente partido.

O horario do encontro será ás 20:00 h, un enfrontamento que, sen ningunha dúbida, ofrecerá ao espectador un balonmán de moitos quilates, co aliciente a maiores da volta a casa dos carballeses David García e Andrés Vila.