Xoga o Calvo Xiria co Porriño, segundo clasificado

Viaxa a Porriño o Calvo Xiria para se medir ao conxunto local, que ocupa nestes intres a segunda posición. Partido que se presenta moi igualado, e no que o Porriño en caso de perder podería baixar dúas posicións, até o cuarto posto da táboa clasificatoria, o que fai presaxiar a intensidade e dureza do encontro.
Deberán os carballeses funcionar, aínda máis se cabe, coma un conxunto compacto, con todos os xogadores aportando para o colectivo, pois se por algo destacan os porriñeses é pola súa capacidade de aportación individual e no xogo 2×2. A defensa local será moi complicada de superar, con moito contacto, polo que os carballeses deberán manter a cabeza ben fría para ser capaces de dar un pase máis e deixar dese modo ao compañeiro en vantaxe para o lanzamento.
De seguro contará o Calvo Xiria cun apoio vital nas bancadas, pois desprazaranse un gran número de seguidores dos verdinegros para seguir en directo o partido que dará comezo ás 17:00 horas.

Comeza este domingo no Pavillón Carballo Calero a Copa Federación para os equipos da DH. Ás 10:00 o Garaysa Xiria recibe ao Lavadores, encadrados ambos no Grupo I. A priori; os locais son favoritos para lograr a vitoria. Aínda así, saír a competir da mellor maneira posible; sen ningunha relaxación; para levar o encontro aos intereses e ritmo necesarios e lograr os dous puntos canto antes.

O Grupo Lemaco Xiria xogará ás 11:15, co mesmo rival nun partido no que tentará de seguir na liña ascendente que leva o conxunto carballés dende o mes de Xaneiro. Elevar o nivel defensivo e minimizar as perdas de balón será nas tarefas para esta xornada.

Pecha a mañá de domingo o Laber Xiria, fronte ao Bm Porriño. Os xogadores, que queren resarcirse da derrota da pasada semana no último encontro de liga, afrontan unha nova competición para acabar o ano con bo xogo e mellores sensacións.