Xoga o Calvo Xiria no Grove a 13ª xornada

Desprázase na tarde do sábado o Calvo Xiria ao Grove para disputar a xornada da liga de 1ª Estatal, ante un Calmear Rasoeiro que marcha na 15ª posición, pero que de seguro porá en dificultades aos carballeses, se estes non impoñen o ritmo no partido. Xogadores con veteranos, e con bo control do tempo, compoñen a columna vertebral dos pontevedreses.Tamén será de vital importancia minimizar as perdas de balón, unido a unha alta eficacia no lanzamento. Dirixiran, a partires das 18:00 no Pavillón Novo Monte da Vila, o partido os colexiados galegos Pedro Eiras Abalde e Aaron Sestay Prieto.

Despois do parón de liga do fin de semana pasado, a competición retorna para o Goldie Xiria o Sábado as 16:00h no Vila De Noia. As rapazas de Xiria, seguen crecendo semana a semana, pero tamén queren tentar inaugurar o seu casilleiro de puntos. Unha nova oportunidade se lles presenta neste primeiro encontro do mes de Decembro fronte o BM.Lavadores, inda que non a ser tarea sinxela.

O sábado disputan os equipos da DH a derradeira xornada da primeira volta en Pontevedra ante a SD Teucro. O primeiro partido será o do Grupo Lemaco Xiria cadete, dende as 10:00 horas, que quere seguir a amosar a súa progresión, tanto no xogo individual coma colectivo ante un equipo que marcha un so punto por diante dos carballeses.

Ás 12:00 os xuvenís do Laber Xiria, despois de dúas derrotas consecutivas, non se poden permitir outro tropezo, si queren seguir na parte alta da clasificación e sen perder distancia cos primeiros clasificados. Todos os xogadores están dispoñibles para viaxar a Pontevedra o próximo sábado e enfrontarse o potente Teucro.

Pechará a xornada o Garaysa Xiria ás 12:30. Nun partido sen favoritos no que os carballeses deberán empregarse a fondo nas tarefas defensivas ante un equipo potencialmente forte no un contra un. En ataque, a fluidez e mobilidade dos xogadores antóllase fundamental para levar os dous puntos e continuar como líderes.

O domingo en Carballo disputaranse os partidos das ligas territoriais infantís, no pavillón Carballo Calero. Abrirá a mañá ás 10:30 o Punta del Este Xiria que se enfrontará ao Bm Xallas (B) e ás 12:00 será a quenda para o Marmolería José Rey Xiria contra o Ribadosar.
A actitude e o convencemento de querer competir en cada acción son claves para a progresión e disputa dos puntos en xogo nos dous partidos.