Xornada a domicilio para os equipos de E.BM.Xiria

Todos os conxuntos de Escolas Balonmán Xiria disputarán esta próxima xornada de liga fóra da casa. Os encontros comezarán o Sábado 28 coa participación dos equipos senior masculino e feminino e os cadetes de 2ª e terminarán o Mércores festivo día 1 cos enfrontamentos de infantís, cadetes e xuvenís de División De Honra en Vigo contra o Carballal.

O Calvo Xiria de 1ª nacional ten unha difícil saída á Cañiza, pero os verdinegros viaxan coa ilusión de conseguir os dous puntos e desa forma, non despegarse dos postos altos da clasificación. Recuperar o bo ton defensivo, antóllase primordial para afrontar con garantías de éxito este envite, ante un rival que cada ano que pasa aumenta o seu nivel e prestacións na categoría. O encontro disputarase no municipal da Cañiza ás 18:30 do próximo Sábado.

Pola súa banda e despois da derrota o fin de semana pasado en Redondela, as mozas do Goldie Xiria volven desprazarse á provincia de Pontevedra para enfrontarse en Vigo a outro potente rival: o Seis Do Nadal. O partido dará comezo ás 16:00h do Sábado 28 no municipal de Coia.

Por último e tamén o Sábado 28, os cadetes do Xiria Hierros Varela Urbieta, visitarán ao BM.Lucus na Casa Do Deporte de Lugo coa intención de conquistar a segunda vitoria consecutiva en liga. Neste caso, o partido será ás 10:30 da mañá.

Os equipos de División De Honra disputarán os seus respectivos partidos o Mércores día 1. Os primeiros en saír a escea serán os infantís do Garaysa, despois os cadetes do Grupo Lemaco e por último os xuvenís do Laber Xiria en horario de 10:00, 11:15 e 12:45 respectivamente. Todos os enfrontamentos terán lugar no Pavillón de Loureiro (Vigo) e contra os conxuntos da AD.Carballal. O reto é volver conseguir tres vitorias noutras tantas categorías, tal e como sucedíu a pasada semana no derbi fronte ao OAR. Este obxectivo, difícil de por se ante a calidade dos equipos locatarios, faría posible que os bergantiñáns redundasen na súa intención de seguir subindo banzos na táboa claificatoria no caso dos xuvenís e de consolidarse nos postos de privilexio ante un rival directo no dos infantís e cadetes.