A previa da xornada: Longa fin de semana para os equipos xiriareiros

Os equipos das Escolas Balonmán Xiria inician hoxe, xoves, unha fin de semana chea de actividade con partidos preparatorios de cara a tempada e tamén con encontros correspondentes ás diferentes competicións copeiras.

O sábado, ás 18.00h. no Vila de Noia, as xogadoras do Calvo Xiria estrearanse como locais no partido correspondente á segunda xornada de liga. O seu rival será o Reconquista de Vigo, o cal é novo na competición pero atesoura xogadoras con ampla experiencia na categoría. As nosas queren seguir collendo ritmo de competición e que os puntos queden en casa.

Pola súa banda o Calvo Xiria masculino xoga o seu último partido de preparación antes do inicio ligueiro e farao este xoves ás 21:30 no Vila de Noia, contra o BM Culleredo. Os de Adrián Dubra tratarán de afinar detalles e seguir axustándose na última semana de pretempada.

Nas categorías base; o Laber Xiria B xogará o primeiro partido amigable como visitante, contra Abegondo BM. No referente á Copa Galicia; os dous conxuntos do Grupo Lemaco Xiria A e B; desprázanse para xogar o último partido da fase de grupo antes das eliminatorias, co liderado en xogo. Xogarán contra Cisne Colexio Los Sauces B e Pizzería Baratto Luceros, respectivamente.

Mentres tanto, as xogadoras do Punta del Este Xiria xogan o venres ás 18:30 no CEIP Fogar contra Coreti Lalín e o Garaysa Xiria viaxará ata Redondela para xogar contra SAR. Ambos os conxuntos tratarán de lograr a vitoria, en base ao bo traballo que están a realizar ao longo da semana.