A vitoria sobre o Tui coloca ao Laber Xiria quinto clasificado

Laber Xiria 36 – Balonmán Tui 29 (16-13)

A extraordinaria segunda volta que está a facer o Laber Xiria dende principio de ano fai que os carballeses vaian escalando na clasificación da División de Honra. Faltan dúas xornadas e un partido aprazado diante do Balonmán Cisne, nas que o Xiria deberá certificar meterse entre os seis primeiros para eludir o Play Off clasificatorio do inicio da vindeira tempada.

Visitaba o Vila de Noia un equipo incómodo que aproveita a fortaleza dos seus xogadores para non decaer perante os 60 minutos de encontro, si ben o Laber Xiria non fixo un gran encontro, si que soubo levar o ritmo do encontro e aproveitou as debilidades do rival para facerse co partido.

Tardou en meterse no encontro o Xiria, seus lanzadores sen ritmo de ataque e demasiado precipitados e en defensa con moitas dificultades para parar o xogo co pivote tudense. A igualdade dos primeiros 15 minutos resolveuna o equipo de Carballo con varias saídas a contra, collendo vantaxe ao descanso de tres goles, que de aproveitar mellor no lanzamento puideran ser máis.

Na segunda metade o Xiria variou a defensa nun 5:1 intentando precipitar o ataque rival, por veces funcionou recuperando o balón pero outras deixou demasiados espazos ao Balonmán Tui para plantarse facilmente diante dos porteiros. Tirou de maior acerto cara gol nos derradeiros 15 minutos e o Xiria situaba o resultado final nese 36 a 29 goles.

A próxima semana o Laber Xiria disputará dous encontros a domicilio, visitará o sábado a cidade herculina para medirse no “derbi” ao Oar, e o martes desprazarase a Pontevedra para xogar a xornada aprazada no seu día diante do Cisne.

Laber Xiria 36 (16): Diego Lema e Julio Ferreiro (porteiros) Iker Martínez 3, Adrián Mesejo 2, Mario Cancela 8, Dani Mallo 2, Alex Gómez 6, Franco Rial 4, Aaron Rodríguez 3, Brais Vila 4, Ivan Hernández 1, Renzo Díaz, Andrés Urbieta 3, Manuel Rama, Diego Antelo e Fernando Mallo.

Balonmán Tui 29 (13): Xabier Martínez, Saúl González e Pablo Solleiro (porteiros) Raul Fernández 1, Carlos Fernández 2, Adrián Areal, Alex Rey 7, Iago Pazos 4, Ismael Domínguez 1, Ivan Pérez 5, Juan Casares 1, Samuel Fernández 8 e Sergio Rebellado

Marcador cada 5 min: 2-2 / 4-6 / 8-8 / 11-10/ 12-11 / 16-13/ 19-14 / 22-18 / 25-20/ 28-24/ 32-27/ 36-29

Arbitraron: Pablo Torreiro e Rubén Iglesias