ARTAI POIO 21 – CALVO XIRIA 31

24/02/2008 ARTAI POIO 21 – CALVO XIRIA 31
Artai Poio (10+11) 21: Félix, Víctor (7), Ignacio, Adrián (2), Miguel (2), Serafín (2) e Anxo (5) -equipo inicial- Ángel, Alejandro (1), Alexis, Enrique (2), Luis Alberto, Juan Antonio e Iago.
Calvo Xiria (17+14) 31: Quique, Cuco (2), Bruno (3), Roberto (7), Chimpo (3), Pablo (4) e Fernando Vázquez (4) -equipo inicial- Iago, Alex (1), Sebastián (3), Cristophe (2), Pombo, Manuel (1) e Jesús (1).
Árbitros: Marcelo del Río e Tatiana González. Irregulares nun partido sen complicacións.
O Calvo Xiria conseguiu o seu sexto trunfo consecutivo en liga e afiánzase na terceira praza da clasificación logo da derrota do Rasoeiro. Non tivo ningún tipo de problema o equipo de Marcos Rodríguez para dobregar a un Artai Poio que amosou o porqué da súa situación na tabla. Xa dende o primeiro minuto de partido se podía comprobar a enorme diferenza de potencial entre ambos conxuntos. Sen forzar a máquina, o Calvo Xiria era quen de anotar con relativa comodidade ante a frouxa defensa local, mentres que o Artai Poio alternaba perdas de balón e ataques moi prolongados que morrían ao fío do pasivo con lanzamentos precipitados. Os pontevedreses só eran quen de inquedar á defensa visitante coa mobilidade de Anxo no pivote, mentres que o Calvo Xiria aproveitaba o seu maior acerto en ataque para abrir xa ben pronto unha renda considerable (4-10). O Artai Poio foi quen de reaccionar cun parcial de 3-0, se ben os carballeses (seguramente en garda polo partido contra o Tirso en Ferrol) cortáronlle as ás e souberon recuperar o acerto en ataque para irse ao descanso cunha cómoda renda (10-17).

A imaxe amosada por ambos conxuntos na primeira media hora de partido auguraba poucas esperanzas de reacción por parte dos locais. O Calvo Xiria encargouse, cun parcial de 0-3 de saída, de curtar calquer atisbo de remontada por parte dos locais e, con dez goles de diferenza, todo foi coser e cantar na reanudación. Marcos aproveitou para dar minutos a todos os xogadores convocados e todos, salvo Pombo, foron quen de marcar algún gol. O central carballés só durou dez minutos na pista, logo de ver o cartón vermello directo por un conato de agresión a un rival, a quen lle deu co balón nas costas. Fóra deste caso illado, o partido foi moi deportivo e o Artai Poio non foi quen de aproveitar as seis exclusións que tivo o Calvo Xiria por tan só unha na súa contra. A arbitraxe, que non tivo ningunha complicación, estivo marcada por algunha que outra decisión bastante rigorosa e un criterio pouco definido entre os dous colexiados. Sexa como fora, o Calvo Xiria adicouse a manter a renda conseguida nos primeiros minutos da reanudación e consigue sumar dous puntos importantes que o manteñen a cinco do Seis do Nadal. Roberto, que alternou no lateral e no extremo dereito, foi o xogador máis sobranceiro en ataque dos carballeses, que seguen a crecer na competición a medida que avanzan os partidos. O Calvo Xiria está a conseguir un plus de madurez que o ten que achegar, xa moi pronto, a marcarse obxectivos máis ambiciosos na liga.