As sancións condenan ao Calvo Xiria no segundo acto

O Calvo Xiria afrontaba o partido de onte Domingo en Pontevedra como unha das probas máis duras que quedaba por disputar. Os bergantiñáns sabían que o Lalinense sufrira de xeito abondo alí e o lider Construcciones Castro Lavadores, só foi capaz de impoñerse por un gol nos últimos instantes.

Esperábase por tanto que o conxunto local convocase a todos os efectivos que compiten co primeiro equipo da entidade, incluso o internacional Sergio Pérez, que xa levaba unhas semanas sen entrar en convocatoria co cadro de 1ª nacional. As previsións cumpliríanse e os teucristas saían nun sete inicial con catro xogadores de Asobal, dous internacionais entre eles; os xovenes Sergio Pérez e Domingo Jesús, que completaban xunto a Samuel Pereiro unha primeira liña con altas capacidades no 1×1 e múltiples recursos no lanzamento, deixando ben claro que para eles era un reto o enfrontarse a un dos equipos destacados da categoría.

Tras uns dez primeiros minutos onde os ataques superaban con absoluta facilidade ás defensas, os verdinegros fóronse asentando no 40×20 do municipal pontevedrés e comezaron a abrir as primeiras diferenzas no marcador. No ataque posicional, os de Carballo estaban a completar un dos seus mellores encontros e á facilidade con que atopaban os espazos efectivos cara ao gol, uníase a alta porcentaxe de efectividade por parte de todos os xogadores, desarbolando á defensa rival cun xogo vistoso e dinámico. No instante no que a retagarda se uníu á causa, as distancias aumentaron ata os seis goles de diferenza a favor do Calvo (8-14), que non se converteron en sete grazas a unha intervención do porteiro local a un contraataque dos visitantes. Os de Xiria colleran o ritmo e a pesar de que os locais acurtarían diferenzas ao fío do descanso, os verdinegros transmitían seguridade e confianza, dominando o xogo fronte a un conxunto poderoso. Retirábanse os equipos aos vestuaios cun gol de falta directa de Juanka que poñía unha diferenza de catro goles a favor dos carballeses (14-18).

Na segunda parte e como non podía ser doutra maneira, os teucristas saíron a por todas. Cunha mixta a Chimpo durante todo o segundo acto tentaban contrarrestar o dominio verdinegro, pero os visitantes negábanse a ceder ante a importancia dos dous puntos. A primeira controversia que deixaba moi tocada a liña defensiva dos de Carballo, era a tarxeta vermella directa a Iván Amarelle aos seis minutos, que deixaba moi debilitado o 6:0 dos bergantiñáns. Catro exclusións máis se sucederían ao longo deste segundo acto e dez minutos en inferioridade numérica dun e mesmo dous xogadores menos, acabarían por ser definitivos ante as moitas capacidades de definición dos lanzadores da 1ª liña do Teucro.

A pesar de todo iso, O Calvo Xiria continuaba batallando en pos da vitoria, agora cun ataque máis trabado ante a mixta a Chimpo, pero coa negación de darse por vencido. Entrábanse nos últimos minutos co encontro en táboas, Amarelle con vermella fora, o adestrador local, exactamente o mesmo e unha tensión palpable no ambiente. Entre medias, situacións moi discutidas, perdas importantes nos momentos clave e unha acción final onde a parada de Iago ante o lanzamento libre de Samuel Pereiro daba, con 12” e ao contragolpe, posibilidade de alcanzar a vitoria aos verdinegros. A acción quedaba invalidada e sancionábase 7metros e aínda que ao final do partido as propias colexiadas recoñecían a súa dúbida e a honestidade hónralles, o Calvo Xiria víase abocado a perder dous importantes puntos para a clasificación.

Os danos colaterais e importantes desta última acción, sufriríaos o porteiro Iago Gómez, expulsado coa mostra da tarxeta azul, feito que comportará algún partido de sanción para o meta carballés.

A pesar do duro golpe polo resultado e polo como, o Calvo Xiria afronta a última parte da competición con ese colchón que agora se reduce a dous puntos con respecto ao seu perseguidor, o Lalinense e o golaverage que ten gañado con este equipo. Serán oito partidos onde o Calvo Xiria quere referendar ese obxectivo da fase de ascenso, o primeiro, no Vila De Noia de Carballo o vindeiro sábado fronte ao Carnes Do Ribeiro – Ourense Provincia Termal ás 20:00 h.

Teucro Colegio San Narciso: 32 (14+18): Angel Noya, José Luis Arosa (1), Pedro Sánchez (1), Iago Rodríguez (1), Samuel Pereiro (4), Alejandro Gómez (1), Álvaro Salgueiro, Sergio Lorenzo, Andrés Pérez, Anxo Vidal, Diego Prada (8), Javier Noya, Sergio Pérez (6), Alberto Garrido (5), Domingo Jesús (5).

Calvo Xiria: 31 (14+17). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (3), Cuco (1), Julián López, Fran Rey, Brais Puñal (1), Pablo Iglesias (7), Chimpo (9), Juan Carlos Rodríguez (1), Manuel Méndez (4), Jorge Bouzas (5), Alejandro Calvete, Enrique Pena, Iván Amarelle.

Colexiados: Elena Rivas e Alba Currás. Fixeron un bo traballo durante a maior parte do encontro, ainda que estiveron erráticas no segundo tempo.

Incidencias: Encontro da 22ª xornada da 1ª nacional celebrado no pavillón municipal de Pontevedra ante trinta espectadores.