ASESORÍA SUEIRO XIRIA 30 – Ademar León 27

25/04/2004 3ª XORNADA

ASESORÍA SUEIRO XIRIA: Enrique, Dubra (4), Pablo (7), Cuco (3), Chimpo (7), Fernando (3), Carlos (6) -equipo inicial- Miguel, Bruno, Hugo, Álex, Queco, Alberto e Gonzalo.

ADEMAR LEÓN: Amaro, Marcos (1), David (4), Pablo, Aitor (1), Felipe, Rubén (5) -equipo inicial- Pérez, Garza (11), Fernández, Diego, Ru, Alegre (3) e Héctor (2).

O Asesoría Sueiro Xiria acadou a súa clasificación para a fase final do Campionato Estatal Xuvenil tras derrotar ó Ademar de León na derradeira xornada da 2ª Fase-Sector A por 30-27, nun encontro disputado no Pavillón da Zona Escolar de Carballo perante uns 500 seareiros que vibraron co seu equipo. Con esta victoria, os pupilos de Marcos rematan esta fase con tres trunfos noutros tantos encontros.

Partido moi igualado e que non se rompeu a favor dos carballeses ata mediada a segunda metade. Durante o resto do encontro predominou a igualdade con diferencias mínimas a prol dos dous conxuntos, aínda que na primeira metade sempre foron por diante os leoneses con un ou dous goles de renda, chegándose ó descanso co electrónico reflectindo un 13-14 favorable ós visitantes. Nesta primeira metade destacou a gran defensa practicada polos dous conxuntos.

Ó comezo da segunda metade foi cando os carballeses conseguiron pórse por diante no marcador mantendo diferencias de entre un e dous goles ata a metade deste segundo período. Os de León só conseguían rompe-la defensa do Xiria mediante individualidades de Álex Garza, que foi o seu único recurso ofensivo nesta segunda metade, que era buscado continuamente polos seus compañeiros e que lanzaba cada vez que tiña ocasión de facelo. O adestrador carballés, Marcos Rodríguez, decidiu intensificar a defensa a ese home, espectaculares Álex e Cuco nesa faceta que acabaron desquiciando ó lateral leonés, esto unido á gran actuación do gardameta Quique, á dirección do equipo perfectamente levade por Chimpo, á maxia de Pablo que tardou en aparecer pero apareceu, ós cañonazos de Fernando que comezaban a ver portería e os veloces contragolpes finalizados por Carlos conseguían que a renda carballesa se disparase ata os cinco goles a falla de cinco minutos. A lesión do director do xogo ofensivo do Xiria, Chimpo, puxo a incerteza no xogo nos derradeiros minutos de encontro, o que dou novos azos ós visitantes, pero voltou a xurdir a figura de Quique e cun gol imposible de Dubra dende o extremo conseguiron amansar ós leóns do Ademar que acabaron por renderse ante a superioridade do Asesoría Sueiro Xiria.

Destacar no cadro carballés a todo o seu bloque e ó seu xogo de conxunto que acabou impoñéndose ás individualidades do Ademar.

O cadro carballés loitará na fase final polo título estatal cos conxuntos campións dos outro sete sectores entre os días 6 e 9 de Maio nunha sede aínda por designar. Nesta fase final tomarán parte: Asesoría Sueiro Xiria, Bm. Valladolid, C.D. Bidasoa, Askartza Claret, F.C. Barcelona, Bm. Alcobendas, F. Bm. Granollers “A” e Bm. Elche.

2-2 / 4-4 / 7-7 / 9-9 / 10-11 / 13-14 / 17-16 / 20-18 / 22-21 / 25-23 / 29-24 / 30-27

Os colexiados cántabros Sres. Alonso e Barquín, moi irregulares, foron moi protestados por ambos conxuntos.