BALONMANO PORRIÑO 21 – IFECGAS PEREIRA XIRIA 38

XORNADA 14

02/02/2013

Bm. Porriño: 21 (10+11): Couso, Roberto (3), Sergio (2), Adrián (5), Pereiro (1), Brais (5), Borja (5) -equipo inicial- Xoán, Abdelhadi, Dani, Rodríguez, David, Isidro.

Ifecgás Pereira Xiria: 38 (17+21): Fidi, Bouzas (11), Julián (2), Javi (2), Rubén Anes (2), Alberto (3), José (2) -equipo inicial- Calvete (3), Iván (4), Edu (2), Rubén Gómez (4), Óscar (2), Enrique (1), Zúpez.

Colexiados: Pedro Eiras e Adrián Suárez.

Partido que se prevía moi desigual, o que se ía celebrar no municipal do Porriño, dado que, o primeiro clasificado (Ifecgás Pereira Xiria), enfrontábase ao último (Bm. Porriño), que aínda non fora quen de estrear o seu casilleiro de vitorias.

Comezou o encontro co equipo bergantiñán excesivamente relaxado e falto de ritmo competitivo e foi desta forma como, no minuto dez, a igualdade dominaba no electrónico (5-5). Os de Xiria estaban amosándose demasiado fríos e confiados, dada a entidade do rival. Os erros cometidos na transición e os balóns perdidos no ataque posicional non amosaban a teórica diferencia entre os dous combinados. Un parcial de 5-3 a prol dos de Carballo, parecía abrir unha pequena brecha no marcador polo paso do minuto vinte (7-10), que se ampliaría cun 3-7 para chegar ao descanso coa máxima diferencia acadada ata ese momento (10-17).

A segunda parte, non foi mellor ca primeira, pero bastoulle o equipo carballés reducir as perdas de balón e impoñer a súa maior calidade individual, tanto no ataque posicional como na retagarda, para ampliar a vantaxe a medida que ían transcorrendo os minutos. O parcial neste tempo de 11-21, deixaba ese marcador final de 21-38 que posibilita que o Ifecgás Pereira Xiria continúe comandando a clasificación da División de Honra da categoría.

A próxima fin de semana, os carballeses xogarán no Vila de Noia de Carballo contra un equipo fortísimo, o Bm. Lavadores, quen xa fora capaz de conquerir un empate na primeira volta do campionato fronte ao Ifecgás Pereira. Polo tanto, partido complicado e importantísimo cara a seguir no máis alto da táboa clasificatoria e a esperas de disputar unha verdadeira final dentro de dúas fins de semana en Lalín ante o segundo clasificado, o Balonmán Lalín. Este encontro contra o Lavadores disputarase o vindeiro sábado ás 12:15h.