BALONMANÓPOLIS 4 (16) – PROCASA XIRIA 4 (14) –

02/02/2004 5ª XORNADA

PROCASA XIRIA: Miguel, Iván (1), Caamaño, Albero Pombo, Diego López (5), Néstor, Juan (1), Ícaro, Dani Barreiro (1), Álex Naya, Andrés, Óscar (1), Álex Zas (1), Diego Puente (3),Ramón (1).

Xogouse o pasado Sábado un vibrante partido en categoría infantil, quizais o mellor encontro que se poida ver a nivel provincial nesta categoría. A clasificación así mesmo o indicaba, Balonmanópolis primeiro clasificado na liga con 22 puntos en 3 encontros e Procasa Xiria segundo clasificado cos mesmos partidos a tan só un punto.

O Balonmanópolis chegaba a este partido con tan só 7 xogadores, un dos cales tampouco podía participar. Este feito pódelle custar dous puntos de penalización na táboa clasificatoria, xa que non se pode presentar un equipo con menos de 10 xogadores. Aínda así comezaba o encontro cunha forte igualdade no marcador, o Procasa Xiria non era quen de impoñerse na pista a pesares de xogar cun home mais e o Balonmanópolis realizaba un mellor xogo e, sobre todo, mostraba unha actitude moi superior ó cadro carballés. Conseguían goles facilmente de saque de golpe franco debido en gran parte á falta de atención dos de Carballo, que non facían axudas e vianse superados de seguido no un contra un. A pesares deste desastroso xogo e da fenomenal aportación do gardameta coruñés, o Procasa Xiria conseguiu manter unha mínima renda no marcador e irse ó descanso cos catro puntos dos dous primeiros cuartos.

No terceiro cuarto todo pintaba fenomenal para os carballeses cando un xogador do Balonmanópolis se mancaba nun brazo ante unha dura entrada do carballés Caamaño e non podía seguir na pista. Desta maneira o cadro carballés tiña a 7 xogadores en cancha por 5 dos de A Coruña. Pero lonxe de desenrolar un bo xogo e de facerse fortes en defensa o Xiria baixaba mais se cabe a súa intensidade, actitude e atención, e en ningún momento soubo face-la defensa individual ordenada polo seu técnico Fernando Vázquez. O Balonmanópolis baseándose na súa intensidade, actitude e, por momentos, bo xogo deulle un autentico repaso ó equipo carballés deixando en evidencia á defensa do Procasa. En ataque os de Fernando estaban mais estáticos que na primeira metade e os lanzamentos mal seleccionados encontrábanse unha e outra vez co porteiro coruñés.

Se a alguén debemos destacar do Xiria é ó porteiro Miguel que coa súa aportación fixo que o resultado non fose mais abultado. Así, na clasificación, as cousas seguen como estaban co Balonmanopólis como líder e o Procasa Xiria segundo a un punto, sempre á espera desa posible penalización para os coruñeses. Os de Carballo deberán mellorar moito se queren xoga-la fase final do Campionato Provincial.

Parciais: 3-4 / 4-5 / 5-2 / 4-3