A última xornada da primeira fase da Liga Prata infantil masculina deixou dous partidos importantes para os equipos do Garaysa Xiria, con balance desigual pero boas sensacións xerais antes do seguinte tramo da competición.
No pavillón Vila de Noia, o Garaysa Xiria B caeu por 29-35 fronte ao Culleredo, nun encontro no que os carballeses competiron a un bo nivel. O Garaysa B mantivo ritmo e intensidade, pero o conxunto de Culleredo, cun equipo máis físico e máis acertado de cara a portería, conseguiu abrir fenda nos momentos clave. A pesar da derrota, os carballeses pechan esta primeira fase nun meritorio sexto posto, mostrando unha clara evolución no seu xogo.

Pola súa banda, o Garaysa Xiria A viaxou a Lugo para enfrontarse ao Lucense e logrou unha importante vitoria por 27-33. O equipo carballés completou un partido moi serio, sustentado nunha defensa intensa e nun contrataque continuo que lle permitiu dominar o encontro de principio a fin. Grazas a este triunfo, o Garaysa A finaliza primeiro e obtén o billete para disputar o grupo polo Título da Liga Prata infantil masculina, unha recompensa ao seu gran traballo colectivo ao longo da fase.

Fin de fase positiva para o club, con dous equipos que seguen medrando e amosando o espíritu competitivo do Garaysa Xiria. A vindeira semana haberá parón e os equipos de Garaysa volverán a competición o fin de semana do 14 e 15 de Decembro para o inicio da 2ª Fase da Liga Prata nun calendario aínda por confirmar.


