Boa vitoria do Garaysa A en Arteixo e derrota axustada do Garaysa B en Carballo

Boa vitoria do Garaysa A en Arteixo e derrota axustada do Garaysa B en Carballo

Fin de semana de cara e cruz para os equipos infantís do Garaysa Xiria, que afrontaron dous partidos con distinto desenlace, pero ambos cheos de intensidade e aprendizaxe.

O Garaysa Xiria A visitou ao Arteixo e acadou unha cómoda vitoria por 31-46. O equipo carballés impuxo o seu ritmo dende o inicio, cun xogo moi rápido e unha excelente capacidade para correr durante todo o encontro. O acerto en ataque e o xogo en transición foron determinantes para abrir brecha no marcador e controlar o partido con autoridade.

Pola súa banda, o Garaysa Xiria B enfrontouse ao Ribadosar nun encontro moito máis igualado que rematou cun 15-22 a favor dos visitantes. Os carballeses realizaron unha boa defensa durante gran parte do partido, pero nos últimos dez minutos os erros en ataque pasaron factura e o Ribadosar aproveitou a oportunidade para escaparse no marcador. Aínda así, o equipo deixou boas sensacións e continúa a mellorar no seu xogo.

Os dous equipos de Garaysa continúan amosando compromiso e progresión nesta tempada, competindo con carácter e coa ilusión de seguir crecendo partido a partido. A vindeira semana, o Garaysa A recibirá ao Oar Coruña e o Garaysa B visitará a pista do complicado Abegondo.