Caixanova OAR 29 (14+15): Ignacio, Jesús (8), Miguel (4), Pablo (1), Gonzalo (5), Cesar (3), Juan (6) -equipo inicial- Ismael, Rubén (1), Marcos, Ángel, Alberto, Kevin (1) Miguel.
Vipecón Xiria 32 (13+17): Bisbi, David (11), Miguel (3), Brais (2), Iago (10), Damián, Antón (4) – equipo inicial – Joaquín, Martín, David, Chouci, Heitor, Jorge (1), Luis.
Colexiados: Antonio Moledo e Juanjo Iglesias. Non influiron no resultado final nun encontro vibrante.
Parciais: 0-2, 3-4, 7-6, 8-8, 11-10, 14-13 (Descanso) 15-16, 19-23, 23-26, 25-27, 26-28, 29-30.
O sábado disputábase o que quizais sexa o partido máis atractivo que se pode ver na zona norte de Galicia en categoría cadete. Dous verdadeiros equipazos, con moito futuro nas súas filas, enfrontábanse na cancha coruñesa de San Francisco Xabier, o Vipecón Xiria carballés e o Caixanova OAR coruñés. E o partido non defraudou as expectativas que había, xa dende o inicio os dous conxuntos amosábanse contundentes e intensos, despregando un xogo rápido e vistoso en ataque con moitas mostras de calidade. A primeira metade desenvolveuse con constantes alternativas no marcador, primeiro foi o equipo de Carballo o que tomou a dianteira, e posteriormente e mediada esta primeira metade era o equipo local o que mandaba no electrónico, aínda que, estas vantaxes a prol de un e outro eran sempre pola mínima. No intermedío o marcador reflectía un 14-13 para os locais, deixando todo o suspense cara o reinicio.
A segunda parte foi vibrante e chea de tensión. Os visitantes saían cun 5:1 zonal sobre a esquerda do ataque coruñés e conseguían facer todo o dano que desexaban, tanto que en dez minutos marcaban un parcial de 5-10 e poñían terra de por medio con catro goles de vantaxe. Esto facilitou que Fernando Vázquez, técnico do Vipecón Xiria, puidera facer descansar a algúns dos seus efectivos cara a loita final. Como era de prever, os locais non se deron por vencidos e achegáronse no marcador para disputar uns minutos finais de auténtico infarto no que os bergantiñáns mantiveron o tipo e leváronse a victoria de forma brilante.
