1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 13
18/12/2010 CALVO XIRIA 20 – MEDICENTRO GIJÓN 29
Calvo Xiria 20 (10+10): Iago [p,13 pdas/ 2 de 7m]; Christophe, Pablo (12), Ramón (1), David (1); Dubra, Jesús (1) –equipo inicial- Borja (1), Ángel (1), Manu, Álex Zas (3), Kike [p] e Naya [p]
Medicentro Gijón 29 (12+17): Gamallo [p, 23 pdas]; David Álvarez, Miguel Paraja, Adrián Rodríguez (3), Acetti (6/1 de 7m), Pablo Fernández (9/2 de 7m), Ángel Paraja (3) -equipo inicial- Vallado [p], Luis Manuel, Ferni (1), Álex Costoya (6), Manu Plaza, Javi Vallejo (1) e Pablo Escalera.
Colexiados: Pablo Castellanos e Luis Vázquez de Prada Bravo (Federación Territorial de Castela-León). Excluíron a Ramón (min. 10 e 48), Christophe (min. 19), Jesús (min. 25, 36 e 43 –descualificado-) e ao adestrador Marcos Rodríguez (min. 53) no equipo local. Tamén foron excluídos Escalera (min.24), Pablo Fernández (min. 38 e 46), Acetti (min. 49) e Ferni (min. 54) no equipo visitante.
Marcador: 0-2, 2-5, 5-6, 6-11, 7-12, 10-12 (descanso); 12-15, 15-18, 16-20, 17-23, 19-26, 20-29 (final).
7 metros: Calvo Xiria: 0 / 1 # # # Medicentro Gijón: 3 / 5
Coa visita do líder non semellaba ser o mellor momento para que o Calvo Xiria retomase a senda da vitoria. Desgraciadamente cumpríronse os prognósticos e o equipo carballés saldou cun novo tropezón o seu encontro da 13ª xornada de liga en PRIMEIRA DIVISIÓN ESTATAL. Os pupilos de Marcos Rodríguez caeron por 20-29 ante o Medicentro Gijón no que supuxo a derrota máis avultada dunha 1ª volta que concluía tras este desafortunado partido
A pesar das importantes baixas de Cuco (por sanción) e Álex García (por lesión) o Calvo Xiria saltou moi ilusionado á pista do “Pavillón da Zona Escolar” pero axiña se decatou das tremendas dificultades coas que se ía atopar. Precisaron de 6 ataques para superar a férrea defensa xixonesa e poder perforar por primeira vez a meta dun inspirado Gamallo. Ían transcorridos case sete minutos e, a pesar de todo, o Medicentro tan só gañaba por 1-2. O Xiria defendía cun inusual 5:1 con Jesús no avanzado e, aínda que Iago estaba tamén parando con grande efectividade (chegou a deter dous lanzamentos de sete metros, un por partida dobre), os asturianos conseguiron aumentar a vantaxe ata o 3-6 no minuto trece. A partir de aquí, coincidindo co intercambio das posicións defensivas de Jesús e Pablo, o Xiria reacciona e no ecuador deste primeiro acto aproxímase ata un gol (5-6) cando unha desafortunada acción descentra aos carballeses. Ramón recibe un pase letal no pivote que podía ocasionar o empate, pero lamentablemente debido a un agarrón non pode recoller o balón que, mansamente, chega as mans do meta visitante permitíndolle armar unha contra que supón o 5-7. Os de Xixón escápanse no electrónico alcanzando unha vantaxe de cinco goles (6-11, min 20) que se mantén ata o minuto vinte e tres (7-12). Máis o Calvo Xiria, ben liderado polo seu central Pablo, consegue achegarse de novo e con dous goles deste magnífico xogador e outro do extremo Álex Zas debuxa un 10-12 no electrónico, resultado co que finalizaron os primeiros trinta minutos.
Ao inicio do segundo tempo, novamente Pablo –o máximo realizador do partido- aperta máis o marcador (11-12), pero o Medicentro non tardou en demostrar porque é o líder na táboa clasificatoria. Mostrouse moi forte en todas as liñas, cunha defensa que se pecha perfectamente basculando ás mil marabillas e seleccionando os lanzamentos con exquisita fiabilidade. Aínda que os xogadores do Calvo Xiria se entregaron totalmente e se mantiveron no partido ata o minuto corenta e un (16-18), foi a partir de aquí cando os xogadores que dirixe Alberto Suárez decidiron que xa non querían que o choque tivese máis momentos de emoción. Cun extraordinario Acetti, amagando con continuas incursións ou buscando situacións de vantaxe para o extremo dereito, e co veterano Pablo Fernández penetrando ou lanzando desde o exterior para resolver as situacións de pasivo, o Medicentro, pouco a pouco, foise escapando no marcador para chegar á conclusión do partido coa arrepiante vantaxe de nove goles. Cando soaba o bucicazo final o electrónico amosaba un definitivo 20-29. Xusta vitoria dos visitantes pero demasiado ampla e que, a pesar de todo, para nada reflicte o traballo realizado por ambos os dous equipos.