LIGA DE 1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 19
18/02/2012 CALVO XIRIA 29 – EMBUTIDOS LALINENSE BM. LALIN 21
Calvo Xiria 29 (15+14): Iago[p], Ramón, Alex García, Alex Zas (3), Sergio (4), Miguel (3), Manuel (4) -equipo inicial- Naya[p], Pablo (4, 1 de 7 metros), Dubra (4), Brais (2), Angel, Christophe (1), Cuco (4).
Embutidos Lalinense Bm. Lalín 21 (10+11): Pablo [p], Quintela (4, 1 de 7 metors), Gustavo (4), Roberto A. (1), Bruno (3), Rubén (3), Roberto (3, 2 de 7 metros) -equipo inicial- Durán [p], Ramón, Losón, Brais (1), Óscar, Canario (2).
Colexiados: Sergio Rodríguez Estevez e Andrés Rosendo López, do colexio galego. Excluíron aos locais Christophe (23´), Alex García (27´), Brais (38´) e amosaron cartón vermello directo a Ramón (27´) tamén excluiron ao xogador visitante Canario (16´) e amosaron cartón vermello directo a Roberto A. (27´).
Marcador: 2-2, 5-4, 8-5, 10-7, 12-8, 15-10(descanso); 17-11, 19-14, 22-16, 24-16, 26-17, 29-21 (final).
7 metros: Calvo Xiria: 0 / 1 ### Embutidos Lalinense Bm. Lalín: 3 / 5
Xogaba o Calvo Xiria na casa ante o Bm. Lalín, equipo que o precedía na táboa clasificatoria. O resultado final de 29 a 21 outorgaba dous puntos aos carballeses e lle permite subir un posto para colocarse na sexta posición da liga de 1ª Estatal masculina cando faltan sete xornadas para rematar a liga regular.
Comenzou o encontro cuns minutos de tanteo entre dous conxuntos que se xogaban moito no envite deste sábado, o control entre os xogadores era intenso, mais sen dureza, e non se permitían aos ataques a fluidez necesaria para atopar posicións cómodas para lanzar. Pero o partido endureceuse aos dez minutos xa que os xogadores dun e outro equipo déronse conta da nulidade que estaban amosando os seus ataques e que a defensa tornábase vital para evitar que o rival marchase no marcador. Había que engadir a iso que os dous porteiros botaban por terra as poucas ocasións claras de gol.
Con este panorama semellaba que o conxunto que collese a senda correcta no contraataque tería opcións de sacar vantaxe sobre o rival. E así foi coma o Calvo Xiria empezou a romper o partido. Tres goles consecutivos dábanlle distancia sobre o Embutidos que seguía sen atopar o camiño do gol. Ainda así, o partido non baixou en dureza e a consecuencia foi o cartón vermello directo amosado a Ramón por parte local e a Roberto Álvarez polo conxunto visitante. De seguro os colexiados buscaban retomar o mando dun partido que perderan minutos antes.
Ao final do primeiro acto o Calvo acadaba unha renda de cinco goles que lle facían afrontar con moita máis calma o segundo tempo. Trinta minutos nos que manexou con tino o balón e no que non cedeu en defensa nin en portería, para pouco a pouco ampliar a vantaxe ata levala aos oito goles co que cerrou o partido.
Foron de novo os carballeses un equipo que moveu, a partir do minuto vinte, con facilidade e intelixencia o balón, conseguindo que se marcasen goles dende todos os postos, sen descoidar en momento algún a súa retaguardia. So se lle pode poñer un pero ao partido desta xornada, os lanzamentos errados dende cómodas posicións. Mais semella que o conxunto recupera pouco a pouco a alegría no seu xogo, algo que será vital na visita que rendirá ao Paraxe en Chapela o vindeiro sábado.